Lugo Monumental denuncia que a muralla non está sinalizada nas autovías

A asociación pon o exemplo de Segovia, cuxo acueducto está sinalizado desde a A-6
Muralla de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Muralla de Lugo. XESÚS PONTE

O colectivo Lugo Monumental, que agrupa aos negocios do centro histórico da cidade, denunciou que, logo de vinte e un anos como Patrimonio da Humanidade, a Muralla romana de Lugo segue sen estar sinalizada nas autovías que pasan pola provincia. 

De feito, Lugo Monumental informou de que este mércores registrará dous escritos, un dirixido ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo e outro á alcaldesa da cidade, para pedirlles "novamente que presten atención á sinalización" do patrimonio cultural da cidade. 

"Cando se fai o percorrido desde Madrid a Galicia pódense observar sinais turísticos que informan os condutores de que existe un acueducto romano en Segovia a escasos quilómetros da autovía A6. Este sinal, cos logotipos da Xunta de Castela e León e Iberpistas, sinaliza ese destino e permite ao condutor realizar unha parada turística que, doutro xeito ,quizais non faría", di o presidente de Lugo Monumental, Luís Latorre. 

Son paradas, engade, "equiparables ao consumo de compra por impulso", o que pode representar "unha das claves para aumentar o número de visitantes á cidade".

Con todo, "nada sinaliza que Lugo conta con tres bens Patrimonio da Humanidade. Os nosos principais atractivos non están sinalizados da forma que se merecen e desde a asociación Lugo Monumental expúxose este tema en varias ocasións desde 2014". 

De feito, a pesar da súa insistencia, quéixase este colectivo, esa petición non foi atendida, de momento, polas administracións competentes. 

"é algo dificilmente explicable xa que se trata dunha publicidade sinxela, efectiva e barata, que é incomprensible que non estea executada", lamenta. 

Comentarios