Lugo Monumental denuncia paralización de obras polo conflito da Policía Local

Segundo a asociación, "non hai un responsable que asine as autorizacións de instalación de valados, guindastres, estadas ou vaos"

Luis Latorre. AEP
photo_camera Luís Latorre. AEP

O conflito laboral na Policía Local de Lugo, que continúa sen xefe despois da xubilación do anterior responsable e dos seis nomeamentos errados efectuados polo goberno local para nomear a un substituto provisional, está a provocar "a paulatina paralización de obras de construción" na cidade, segundo denuncia a asociación que agrupa aos negocios do centro histórico.

Segundo Lugo Monumental, "non hai un responsable que asine as autorizacións de instalación de valados, guindastres, estadas ou vaos, polo que a medida que se finalizan as obras que están en marcha en toda a cidade, paralízase a actividade, porque non se poden empezar outras novas".

O presidente deste colectivo, Luis Latorre, precisa que "o problema afecta a todo o municipio", pero aínda "máis ao centro histórico", dado que é "necesaria unha autorización" por parte da Policía Local para acceder á zona peonil con vehículos.

"O conflito que a Policía mantén co goberno local está a afectar á actividade empresarial no mundo da construción", engadiu, "xa que a falta de mandos fai que non se asinen autorizacións para instalar valados, guindastres, estadas ou vaos, sendo elementos evidentemente necesarios para a edificación".

Comentarios