Lugo logra 800.000 euros dun plan estatal para axudar a emprendedores

O programa Inicia Coworking ofrecerá apoio integral gratuíto a 260 lucenses para lanzar as súas empresas
Lara Méndez, en el Cei-Nodus durante el inicio del taller Cultur@ Lucus para desempleados
photo_camera Lara Méndez, en el Cei-Nodus durante el inicio del taller Cultur@ Lucus para desempleados

Os emprendedores lucenses poderán optar durante os próximos dous anos a recibir apoio integral gratuíto para pór en marcha as súas empresas a través do programa Inicia Coworking, que ten un orzamento de 800.000 euros e porase en marcha grazas a un plan estatal no Centro de Empresas e Innovación (Cei-Nodus) de Garabolos.

A alcaldesa Lara Méndez anunciou este venres que o Concello acaba de conseguir entrar neste programa en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, que achegará o 80% do financiamento. A rexedora explicou que máis de 260 lucenses poderán recibir un apoio individual e personalizado para os seus proxectos, co obxectivo de asegurar a súa viabilidade técnica e financeira.

«Queremos axudar aos 7.489 lucenses non paro a atopar un posto de traballo», destacou Méndez, quen recordou que a actividade que levan a cabo os emprendedores e as pemes xera cerca do 70% do emprego en España.

«Isto pon de relevo a importancia de apoiar a cultura emprendedora», engadiu a alcaldesa, antes de explicar que o programa consiste en implantar o concepto coworking no CEI-Nodus, é dicir, un espazo de traballo, físico e virtual, no que os emprendedores compartirán equipamentos e coñecementos, e disporán de todos os recursos de formación, asesoramento, técnicos, de mercadotecnia e financeiros. «En definitiva, un acompañamento paso a paso para lanzar un proxecto empresarial solvente e con garantías de futuro», sinalou Méndez.

O programa de fomento do emprendemento aséntase ademais sobre cinco alicerces: talleres de formación; asesoramento personalizado e especializado; networking ou rede de contactos; presentación do proxecto ante investidores, e procura de financiamento.

O programa desenvolverase a partir de abril e durante 2017. Abriranse catro convocatorias, dúas por ano, cunha duración de cinco meses cada unha, e cun máximo por quenda de 22 proxectos desenvolvidos, nos que poderán participar entre unha e tres persoas. O Concello calcula que poderá impulsar polo menos 88 proxectos empresariais e beneficiar a máis de 260 persoas.

Comentarios