Lugo líbrase dunha reclamación patrimonial por 3,5 millóns pola caseta de Telefónica

A promotora pretendía construír un edificio de sete plantas preto do Garañón e reclamou tras non serlle concedida a licenza

La antigua caseta de Telefónica, junto a la torre de O Garañón. SEBAS SENANDE
photo_camera A antiga caseta de Telefónica, xunto á torre do Garañón. SEBAS SENANDE

O Tribunal Supremo non admitiu a trámite o recurso presentado por Investimentos Malleo contra a sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o 19 de outubro de 2017, na que desestimaba a reclamación patrimonial formulada por Investimentos Malleo por un importe de 3,5 millóns de euros, por mor da restrición da edificabilidade no solar número 25 da Avenida Doutor García Portela.

Esta promotora, que pretendía construír un edificio de sete plantas de vivendas no solar que agora ocupa unha caseta de planta baixa, antigamente propiedade de Telefónica, consideraba que o Concello de Lugo prexudicara os seus intereses ao restrinxir a edificabilidade desa parcela no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Dáse a circunstancia de que o solar que provocou o litixio está a poucos metros da polémica urbanización do Garañón e das dúas torres sobre as que pesan polo menos dúas sentenzas que obrigan á súa demolición.

A vella caseta de Telefónica tamén está situada á beira do antigo Sanatorio García Portela, agora restaurado para abrir no verán como nova sede do Instituto Nacional de Estadística en Lugo. 

Un negocio ruinoso
A compra da vella caseta de Telefónica que se sitúa no número 17 da Avenida García Portela, xunto ao parque Rosalía de Castro, podería ser cualificado como un dos negocios máis ruinosos dos últimos anos en Lugo. A operación urbanística que a empresa que adquiriu a parcela no ano 2005 acabou frustada e, dez anos despois, a mesma leira acabou sendo entregada a un banco como dación en pago cunha perda máis de 1,8 millóns de euros.

Comentarios