Lugo Km 100, unha posta en valor dos "camiños a Santiago que atravesan" a cidade

O Concello presentou en Fitur unha campaña para fomentar o turismo centrada no vínculo da cidade coa Ruta Xacobea

Maite Ferreiro presentou en Fitur a campaña Lugo Km 100. CONCELLO DE LUGO
photo_camera Maite Ferreiro presentou en Fitur a campaña Lugo Km 100. CONCELLO DE LUGO

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a campaña Lugo Km 100, "unha aposta seria para fomentar o turismo e poñer en valor a cidade e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan".

A edil indicou que "o concello de Lugo está a 100 Km exactos de Compostela, a distancia mínima para obter a Compostela". "Isto fai que Lugo poida ser máis atraínte para as persoas que queiran facer o Camiño por primeira vez escapando da masificación do Camiño Francés ou como punto de partida dunha nova ruta a Compostela", indicou a responsable da área de Cultura, que engadiu "realizaremos accións que traballen para poñer a Lugo no epicentro turístico do norte do estado".

"Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo, e ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo", indicou Ferreiro, que engadiu "isto fai de Lugo un atractivo turístico de primeira orde dentro do denominado turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir". 

A concelleira anunciou que a área de Cultura traballa para "poñer en valor e mellorar as infraestruturas e a estética do camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, mellorando entre outras cousas, a sinalización do camiño”, e engadiu que “dentro da programación cultural, realizaranse actividades para a promoción do camiño Primitivo".

Comentarios