Lugo figura en último lugar de España en implantación da fibra óptica

A provincia pechou 2015 con 1,1 liñas por cada 100 habitantes, 15 veces menos que Madrid

A provincia de Lugo pechou 2015 cun total de 1,1 liñas de fibra óptica ata o fogar (FTTH polas súas siglas en inglés) por cada 100 habitantes, o que supón 15 veces menos que as 16,1 liñas que existen en Madrid, segundo os últimos datos publicados pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). En termos absolutos, a provincia de Lugo só tiña o ano pasado 3.610 liñas deste tipo; Madrid pasaba do millón.

O despregamento de redes de fibra óptica é unha das principais apostas dos operadores de telecomunicacións, que levaron a España a ser o país de Europa con máis conexións de fibra e un dos líderes a nivel mundial.

En concreto, segundo a información recollida por Europa Press, España conta de media con 6,8 liñas de fibra óptica por cada 100 habitantes, unha cifra que esconde unha ampla disparidade entre as distintas provincias. De feito, chama a atención que só sete provincias teñen un despregamento superior á media nacional.

Lugo só dispuña ao final de ano pasado de 3.610 liñas de fibra óptica ata o fogar, mentres que Madrid pasaba do millón

En concreto, as únicas provincias con máis liñas por cada cen habitantes que a media son, ademais de Madrid, Barcelona (12,7), Melilla (11,1), Ceuta (9,9), Zaragoza (9,2), Valladolid (9,1) e As Palmas (7,1). Pola contra, á cola sitúanse xunto a Lugo, Ávila (1,2), Segovia (1,4), Cidade Real (1,5), Toledo (1,7), Cuenca (1,7) e Soria e Zamora (1,8 ambas).

Por comunidades autónomas, Madrid (16,1), Melilla (11,1), Cataluña (10,4), Ceuta (9,9) e Aragón (7,2) sitúanse por encima da media nacional de 6,8 liñas, mentres que as que menos teñen son Cantabria e Galicia (1,9 ambas), Castela A-Mancha (2,2) e Murcia (3).

No que se refire ao conxunto da banda ancha fixa, cuxa media nacional é de 29,2 liñas por cada 100 habitantes, os datos da CNMC indican que as diferenzas entre provincias non é tan marcada como no caso da fibra óptica. Madrid volve a lidera o ranking con 35,8 liñas por habitante, seguida de Barcelona (34,6), Guipuzcoa (32,8), Zaragoza (32,4) e Xirona (32,2), mentres que a menor penetración dáse en Cuenca (20,6), Huelva (20,7), Murcia (20,9), Xaén (21,7) e Melilla (21,8).

No referente ás comunidades autónomas, á cabeza sitúanse Madrid (35,8), Cataluña (33,4) e País Vasco (32,1), mentres que á cola atópanse Murcia (20,9) e Melilla (21,8).

Comentarios