Lugo estrea un dos "mellores" rocódromos de España

A instalación conta con 1.300 metros cadrados escalables, distribuídos en catro sectores
Inauguración del rocódromo de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Inauguración do rocódromo de Lugo. VITORIA RODRÍGUEZ

A cidade de Lugo xa conta con un dos "mellores rocódromos de España", co único muro homologado do país para a disciplina de velocidade, grazas a un investimento de 372.000 euros realizado pola Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello. O novo rocódromo quedou aberto este venres nun dos pavillóns do Pazo de Feiras e Congresos.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañados pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitaron o espazo e destacaron que "xa é unha referencia a nivel estatal para a práctica da escalada indoor".

Do investimento total de 372.000 euros, a Xunta, a través da Consellería de Economía e a Dirección Xeral para o Deporte, achegou o 45%, mentres que a Deputación de Lugo asumiu o 35% do custo e o Concello de Lugo o restante 20%.

O rocódromo de Lugo conta con 1.300 metros cadrados escalables, distribuídos en catro sectores: bulder, velocidade, iniciación e dificultade.

O muro bulder é de 18 metros de ancho por 4,3 de alto, polo que permite todo tipo de adestramentos e traballo con grupos numerosos. O de velocidade é de seis por quince metros, de modo que é o único muro homologado en España para esta disciplina; en canto ao muro de iniciación é de doce metros por doce e medio, con elementos que simulan a escalada en roca. Tamén hai un muro de dificultade, de dezaoito metros por quince, con dúas proas que alcanzan desplomes de ata doce metros de alto, que reproducen as vías máis difíciles.

Esta instalación cumpre cos requisitos do Comité Olímpico Internacional (COI) para a celebración de probas internacionais en formato olímpico, o que situará a Lugo como "epicentro das competicións de escalada indoor en España". Ademais, está dotada cunha plataforma de quince metros de altura para practicar técnicas de montañismo, como o rápel ou a progresión con cordas fixas.

A nova infraestrutura, ademais de potenciar a "multifuncionalidade" do Pazo de Feiras e Congresos, permite incrementar "a oferta de equipamentos deportivos da cidade, beneficiando tanto á actividade federada como ao deporte de base", indicaron os seus promotores durante a visita.

As federacións galegas de Montañismo e Espeleología suman case 5.500 licenzas e a escalada será deporte olímpico en Tokio 2020, polo que se espera un incremento do número de persoas que practicará esta disciplina nos próximos anos.