Lugo estrea este xoves o seu primeiro autobús urbano híbrido

Combina enerxía eléctrica e diésel e gasta e contamina menos
Presentación do novo autobús híbrido. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Presentación do novo autobús híbrido. VITORIA RODRÍGUEZ

O Concello de Lugo e Monbus presentaron este mércores no tramo peonil da Rolda da Muralla o primeiro autobús urbano híbrido que terá a cidade. Fará a liña 6 (Montirón-A Cheda) e ademais de que consumirá un 8,5% menos que os últimos autobuses diésel incorporados, hai uns meses, a emisión de partículas tamén é un 85,3% inferior e a de gases, dun 75,3%, segundo explicou José Ramón Vidal, de Monbus.

O sistema híbrido xera enerxía eléctrica a partir das freadas e reducións de velocidade que se almacena nunha batería instalada no vehículo e que permite que este necesite gastar menos combustible.

O vehículo incorpora os últimos avances en seguridade, confortabilidade e accesibilidade, e do mesmo xeito que os dous últimos incorporados á flota de Lugo, leva etilómetro.

"Queremos que a xente aposte polo bus urbano porque reducindo tráfico avanzamos nunha cidade sostible cunha mobilidade alternativa e ecolóxica", afirmou o responable da área municipal de mobilidade e infraestruturas, Rubén Arroxo.

Comentarios