domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

Lugo Emprende ensina a escolares a comunicar ideas de forma eficaz

David Veloso, durante la sesión que tuvo lugar ayer en As Mercedes.
David Veloso, durante la sesión que tuvo lugar ayer en As Mercedes.
Alumnos dos institutos Val do Asma e Fontem Albei recibiron os consellos dun experto en presentacións en público sobre como dominar os nervios e gañarse á audiencia

Facerlle chegar unha idea a unha audiencia non é tarefa sinxela, pero hai algunhas claves que poden axudar a facelo de xeito máis sereno e efectiva. O experto en mercadotecnia e presentacións en público David Veloso puxo onte a disposición de alumnos dos institutos Val do Asma e Fontem Albei, no centro integrado de FP As Mercedes, os coñecementos básicos para que as súas presentacións resulten eficaces. A sesión formaba parte do programa Lugo Emprende que puxo en marcha a Consellería de Educación xunto con Alcoa e El Progreso para fomentar a cultura emprendedora entre o estudiantado da provincia.

David Veloso abordou na súa charla a disposición mental que se debe adoptar para enfrontarse ao público e evitar que o nerviosismo faga madeixa no relator. «Hai que cambiar a mentalidade. En lugar de pensar que te van xulgar con dureza e que te expós a facer o ridículo hai que adoptar o enfoque de que vas darlle información de utilidade, algo que lle vai axudar, a un amigo», explicou. Ademais, tamén lles aconsellou vixiar a linguaxe corporal e explicoulles cales son os principais xestos e posturas que se deben evitar.

Ademais, Veloso ensinoulles a realizar unha presentación da idea ou concepto en distintas fases, cunha estrutura inicial que logo debe apoiarse nunha posta en escena e en trucos que axudan a derrubar os prexuízos que poidan ter os oíntes.

Finalmente, os propios estudantes tiveron que facer un exercicio de presentación en grupo. Tiveron que traballar ao redor de catro temas: o emprendemento, o uso das redes sociais, traballar no estranxeiro e o valor do coidado da imaxe persoal. A presentación dos seus argumentos acerca destes temas serviu para pór en práctica os coñecementos que lles transmitiu Veloso.

O taller sobre presentacións de impacto volverá repetirse no centro integrado de FP Politécnico o próximo 5 de maio, destinado tamén a alumnos da Pinguela, Monterroso, As Mercedes, Lois Peña Novo e Pais Escolapios.

A próxima cita no centro As Mercedes será o día 20, cando se falará de como emprender con éxito. Lugo Emprende inclúe tamén no seu programa sesións sobre como patentar e protexer novos desenvolvementos, como comercializar con éxito en internet, como facer un plan de empresa ou en que consiste a responsabilidade social.

Lugo Emprende ensina a escolares a comunicar ideas de forma eficaz
Comentarios