Lugo xa empeza a gozar do encanto dos Tardeos na Tinería

O barrio encheuse de música e actividades e moitos lucenses acudiron a esa cita de lecer
2020070311481435091
photo_camera Ambiente na Tinería. SEBAS SENANDE

O centro de Lugo estreou este xoves o programa Tardeos na Tinería e os lucenses responderon de forma entregada a esa nova oferta de lecer, que busca encher de vida, actividades e música o centro histórico e promove tamén a vida social en horario de tarde.

Desde este xoves, o barrio da Tinería dá a coñecer os seus locais dunha forma distinta. Tardeos deu o seu primeiro paso cun concerto do DJ Mia Disko, quen acompañou aos lucenses coa súa música mentres tomaban algo, e coa xornada de portas abertas de Casiña de Paula, enfocada para os máis pequenos. "Queremos que os nenos e nenas deixen de lado as tecnoloxías e fagan manualidades para gozar e divertirse en compañía", contaban no local.

A esencia deste programa é horario diúrno, "querendo ir máis aló do lecer nocturno, pero tamén complementándoo", asegura Isabel Lozano, presidenta de Itineris, asociación que organiza o programa, coa colaboración do Concello de Lugo. A aposta funcionou e as rúas do emblemático barrio lucense enchéronse.

Séguese o exemplo doutras cidades europeas co fin de potenciar as rúas do centro histórico de Lugo a través dunha variedade musical e de lecer.

Tanto a hostalería como o comercio do barrio apoian este programa para fomentar o atractivo do barrio. "Creo que é necesario para que a xente se anime a vir. Temos moitas ganas e proxectos por diante. Confiamos en que participen connosco", comentaba Ángeles Fraga no Obradoiro UDR.

A xente que andou pola zona tamén valorou o inicio deste tipo de actividades, xa que "sempre se agradece tomar algo cun pouquiño de música", afirmaba Libia Romero. Pola súa banda, María Pichín e Jorge Armesto coincidían en que "é unha boa iniciativa debido a que en Lugo non hai outros lugares con música en directo. Está ben este tipo de eventos, fóra do que estamos afeitos".

Todos os locais da Tinería buscan o xeito de facer os Tardeos seguindo o protocolo de seguridade e mantendo as distancias, reducindo o aforamento ou realizando os talleres ao aire libre.

Pero non só se encheu de animación e música A Tinería, pois a terraza da Casa do Saber acolleu un concerto do grupo Best Boy (na foto), que presentou os temas do seu álbum Cros the border. A actuación, incluída no programa Na Bocanoite, foi seguido polo público desde o atrio da catedral.