Lugo contrata por 1,2 millóns a senda ciclista que conectará oito barrios

O novo carril bici terá unha lonxitude de 14 quilómetros
Foto de arquivo da alcaldesa Lara Méndez durante a presentación da senda verde ciclista
photo_camera Lara Méndez durante a presentación da senda verde ciclista. ARQUIVO

 O goberno local de Lugo adxudicou as obras de construción da "senda ciclista verde" da cidade coa que pretende cambiar a "mobilidade en oito barrios" por un importe de 1,2 millóns de euros.

A empresa encargada dos traballos de construción disporá dun prazo máximo de seis meses para executar as obras. O novo carril bici terá unha lonxitude de 14 quilómetros e discorrerá polo Paseo do Miño, o Parque de Rosalía de Castro, a Ronda do Carme, a Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real.

Este proxecto enmárcase dentro da estratexia Dusi Muramiñae, deseñada polo goberno local para mellorar a conexión do centro urbano da cidade de Lugo co río Miño e financiada ao 80% con fondos europeos Feder.

Os catorce quilómetros da nova senda ciclista uniranse aos 2,5 quilómetros de carril-bici que acaban de quedar abertos no Paseo do Río Rato, grazas á colaboración do Concello e da Deputación de Lugo.