Ferreiro confirma que Lugo terá unha cabalgata de Reis estática

A concelleira mantivo unha conversa en directo co rei Melchor, na que destacaron o "bo comportamento" dos nenos durante a pandemia

Maite Ferreiro, durante a súa conversa con Melchor. EP
photo_camera Maite Ferreiro, durante a súa conversa con Melchor. EP

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, mantivo este xoves unha xuntanza por videoconferencia co rei Melchor, na que conversaron sobre a cabalgata do día 5. A edil confirmou que será estática, no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, para que todos os nenos e nenas poidan ver os Magos de Oriente "de xeito seguro e sen masificacións".

Á espera desa cita, Ferreiro e Melchor coincidiron en destacar "a prudencia e o bo comportamento" dos máis pequenos en Lugo durante toda a pandemia.

Melchor confirmou que teñen "todo listo" para ir a Lugo o vindeiro mércores e visitar un ano máis todos os nenos e nenas, aos que agradeceu "a hospitalidade e bo trato" cos que reciben os Reis cada ano.

Neste, o Concello optou finalmente por unha cabalgata estática "seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias e despois de acordalo cos Magos de Oriente", segundo explicou a edil.

A área de Cultura organizará actividades en horario de mañá e de tarde para que os nenos e as nenas poidan visitar os Magos. "Contaremos con espectáculos novidosos e de calidade que amenizarán a espera", explicou a edil.

Os rapaces poderán visitar os Reis no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, entre as 12.00 e as 14.00 horas e de 17.30 a 19.30. "É unha zona que conta con boas conexións en bus urbano para as persoas que decidan achegarse en transporte público, ademais de ter boa dispoñibilidade de aparcamento público e gratuíto nas inmediacións", apuntou Ferreiro para explicar a elección dese lugar.

Comentarios