Lugo colocará unha estatua de Castelao na Rúa da Raíña

O obxectivo é homenaxear a figura do intelectual con motivo do centenario da Revista Nós
CALLES VACIAS EL DOMINGO DE RAMOS. PLAZA MAYOR Y RUA DA RAIÑA. DURANTE LA CRISIS DEL CORONAVIRUS. COVID 19. PANDEMIA. LUGO.
photo_camera Rúa dá Raíña. SEBAS SENANDE

O Concello de Lugo, na súa xunta de goberno semanal, aprobou este mércores o contrato para a colocación dunha estatua que homenaxeará á figura de Castelao, con motivo do centenario da Revista Nós, na Rúa da Raiña, a principal rúa comercial da cidade.

A estatua dedicada a Castelao será colocada ao principio da Rúa da Raiña, fronte ao Hotel Méndez Núñez. A localización do monumento, segundo explicou o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, foi elixida porque se trata do lugar onde se celebrou a cea posterior á I Asemblea Nacionalista de Lugo, en 1918, na que Castelao estivo presente. 

A encargada de realizala será a escultora Cuqui Piñeiro, que conta con obras significativas en A Guarda, Tomiño ou Pontevedra.

"Con esta actuación queremos saldar unha débeda histórica que o Concello de Lugo ten coa figura de Castelao", dixo o tenente de alcalde, porque a cidade "aínda non conta cunha figura dedicada a unha das persoas máis importantes da historia e da cultura de Galicia". Castelao dálle tamén nome a unha rúa de Lugo.

Ademais, a xunta de goberno local sacou este mércores a licitación, cun orzamento base de 797.016 euros e un prazo de execución de 8 meses, a peonalización do tramo da Rolda da Muralla que coincide con A Mosqueira, a única parte da estrutura defensiva da vella Lucus Augusti na que aínda pode verse un segundo nivel de construción. 

Comentarios