Lugo é a capital galega que esixe un maior esforzo para pagar o alugueiro

As familias deben destinar o 27% dos seus ingresos a este concepto
photo_camera Alugar en Lugo supón un maior esforzo ás familias. EP

Lugo é a capital galega onde é necesario realizar un maior esforzo para alugar unha vivenda, xa que as familias deben destinar o 27 % dos seus ingresos a ese concepto, seguida da Coruña, 25 %, Pontevedra, 24 % e Ourense, 22 %, segundo un estudo realizado polo portal inmobiliario Idealista.

En oito capitais españolas os cidadáns que optan por vivir de aluguer teñen que destinar máis da recomendación dun terzo dos seus ingresos ao pago da renda, segundo o citado informe, que indica que non é nos grandes mercados onde se realiza un maior esforzo.

Segundo os cálculos do portal inmobiliario, a cidade de Santa Cruz de Tenerife é o mercado onde máis ingresos se destinan ao aluguer, o 39 % do total. A continuación, sitúase a capital de Almería, co 37 % dos ingresos destinados ao alugueiro, e Las Palmas de Gran Canaria, Alacante, Segovia e Madrid, co 36 % nos catro casos.

Ademais, Lleida e Sevilla comparten unha taxa de esforzo do 35 %.

Pola súa banda, catro capitais mantéñense na recomendación do 33 %: Huelva, Guadalaxara, Bilbao, Murcia e Barcelona. 

En Palma, Badaxoz, San Sebastián e Toledo o esforzo requirido é do 32 %, mentres que en Pamplona, Castelló e Valencia queda no 31 %, segundo o estudo de Idealista, que cruza os prezos do alugueiro en marzo de 2021 e a estimación de ingresos familiares nesa mesma data.

Pola contra, en Palencia, Ourense e a cidade autónoma de Melilla, o esforzo para alugar unha vivenda é menor (22 %). 

Séguelles a cidade de Huesca (23 %), Pontevedra (24 %), Soria (24 %), Burgos (25 %) e A Coruña (25 %). Ademais, co 26 % dos ingresos familiares sitúanse Valladolid, León, Zamora, Oviedo e Tarragona.

Comentarios