O Concello aproba unha declaración para defender a súa ordenanza do galego

O TSXG anulouna parcialmente tras un recurso de Galicia Bilingüe

A xunta de portavoces do Concello de Lugo celebrou este martes unha reunión extraordinaria para aprobar unha declaración institucional coa que se pretende defender a ordenanza de uso do galego na institución, que foi aprobada por unanimidade en 2012 e que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou parcialmente en atención a un recurso formulado por Galicia Bilingüe.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que xa anunciou a intención do Concello de recorrer esa sentenza, afirmou que o galego está a vivir unha "discriminación" en relación co outro idioma oficial, polo que o Concello intentou adoptar "medidas correctoras" para buscar "a igualdade" entre ambos.

Recordou Lara Méndez á prensa que se está producindo unha "diminución brutal" de persoas que falan galego nos menores de quince anos, co que tamén se está producindo un "envellecemento do idioma".

Coa declaración institucional, que será presentada no próximo pleno, o Concello pretende "defender" a ordenanza de uso do galego que foi aprobada por todos os grupos da corporación municipal, aínda que tamén aclarou que, despois, serán os tribunais os que terán que "falar" e respectarase o seu ditame.

Comentarios