Lugo aproveita o Día Europeo sen Coches para ensaiar a peonalización da Ronda da Muralla

Arroxo considera a xornada un "éxito"

A área de Mobilidade do Concello de Lugo, rexentada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo (BNG), aproveitou o Día Europeo sen Coches para realizar unha "demostración da futura peonalización" da zona da Mosqueira, nos arredores da muralla.  Segundo informa esta área do consistorio, o número dous do goberno local cualificou a xornada como "un éxito" debido a "boa acollida" que tivo por parte dos veciños. 

Esta iniciativa comezou ás 11.30 horas con actividades do Club Ciclista da cidade nas que participaron decenas de nenos. A partir das 13.00 estaba previsto que o grupo lucense Wicked World rendese tributo á música rock dos 70, 80 e 90 nunha sesión vermú, pero o concerto viuse interrompido debido á choiva. 

Arroxo sinalou que a xornada foi "unha oportunidade para gozar" dunha cidade "onde non se necesite ter a muralla rodeada por vehículos". Ademais, abordou que o recinto interior desta infraestrutura histórica "é a zona monumental máis importante" da urbe, con valiosos "elementos distinguidos como Patrimonio da Humanidade". 

Por iso, o tenente de alcalde dixo ter "a responsabilidade de traballar para que a cidade e o seu centro histórico, ademais de ser un atractivo turístico, continúe sendo un espazo habitado no que lucenses e visitantes conflúan". 

Comentarios