Lugo adáptase aos poucos ao auxe constante do coche eléctrico

A provincia dispón tan só actualmente de once puntos de recarga para este tipo de vehículos

Punto de recarga para coches eléctricos en Lugo. AEP
photo_camera Punto de recarga para coches eléctricos en Lugo. AEP

Os vehículos híbridos e eléctricos chegaron para quedar. As estatísticas que ofrecen as asociacións especializadas aseguran que, só no mes de outubro, en España as matriculacións deste tipo de vehículos creceron un 27% respecto ao mesmo mes do ano anterior. En Galicia, os datos son máis alentadores. No pasado mes, vendéronse 33 vehículos eléctricos (un 50% máis respecto outubro do ano pasado) e 260 vehículos híbridos (un 58% máis).

En total, no que vai de ano vendéronse na comunidade 2.950 vehículos destas características, un 65% máis do comercializado durante os dez primeiros meses de 2017. Os datos obrigan ás institucións a adaptarse as circunstancias do novo parque automobilístico coa implantación de puntos de recarga.

En Galicia, e só no último ano, a infraestrutura de abastecemento eléctrico en espazos de libre acceso pasou de 86 puntos en xuño do 2017 a un total de 155 na actualidade, é dicir, un 180 % máis.

A provincia de Lugo dispón agora mesmo de once puntos de recarga, aínda que algúns deles ofrecen diferentes opcións en función de se o vehículo é eléctrico, híbrido ou da marca Tesla. A compañía estadounidense dispón do seu propio sistema de alimentación eléctrica e adoita chegar a acordos con establecementos ou institucións para instalalos a cambio de vantaxes comerciais. Por exemplo, Lugo é posible recargar un vehículo da marca Tesla no Pazo de Orbán. "Pode facerse de xeito gratuíto se o cliente se aloxa no hotel. Hai uns meses asinamos un convenio coa compañía para establecer este tipo de servizo", asegura o xerente do hotel, Manuel Fernández. Segundo o responsable do Pazo de Orbán, cada vez son máis os clientes que utilizan o punto de recarga que ofrecen. "Nótase sobre todo nos turistas que alugan coches. Si notamos un incremento nese aspecto nos últimos anos", sinala.

A Xunta, pola súa banda, dispón tamén do seu propio sistema de recarga no edificio multiusos, aínda que a súa utilización é exclusiva para os seus traballadores.

Ademais do Pazo de Orbán, na provincia, pódense recargar estes vehículos nos hoteis Augas Santas, Casarón de Labrada e Hermida Rural, no centro comercial As Termas e no taller Martínez, situado na Avenida da Coruña. Ademais, hai outras cinco electrolineras repartidas en Outeiro de Rei, Vilalba, Baralla, Viveiro e Ribadeo.

Comentarios