Lugo acolle a maior 'jam session' da historia de Galicia

Máis de 150 artistas homenaxearon a Charlie Parker no centenario do seu nacemento

A maior jam session de jazz da historia de Galicia homenaxeou este domingo en Lugo, coa participación de máis de 150 artistas galegos, ao soado saxofonista estadounidense Charlie Parker, polo centenario do seu nacemento. 

Esta sesión improvisada dun total de cinco horas, organizada pola Asociación de Amigos do Jazz no marco do Festival do Jazz de Lugo, celebrouse a partir das 13.00 horas no Pazo Episcopal e retransmitiuse en streaming para todo o mundo. 

Ao evento asistiron o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entre outros. O director do proxecto, Alberto Grandío, foi o encargado de agradecer ás autoridades a súa "implicación" nun proxecto que tivo que atrasar a súa primeira convocatoria, organizada para o 30 de agosto, pola crise sanitaria do coronavirus. 

Case un mes logo do previsto e "baixo férreas medidas de seguridade", o festival puido celebrarse fronte a 60 espectadores físicos separados pola preceptiva distancia de seguridade e miles de espectadores virtuais para demostrar "que a cultura é segura". 

Comentarios