Os lucenses esperan de media 43 días para pasar por quirófano no Hula

Os pacientes agardan tres días menos que o ano pasado para ser operados e cinco días menos para acudir á consulta do especialista
Entrada del HULA. AEP
photo_camera Entrada do Hula. AEP

Os lucenses esperan unha media de 43 días para pasar quirófano no Hula —segundo os datos de listas de espera que o Sergas fixo públicos este venres— mentres que a demora media para ir a consulta sitúase en 42 días. En ambos os casos, reflicten unha baixada con respecto aos do 2018, xa que agora agárdanse 3 días menos por unha intervención e 5 menos para ser visto polo especialista. Os datos corresponden ao segundo semestre do 2019, xa que, desde 2015 o Sergas fai públicas as listas de espera só semestralmente.

Desde o Hula, que dirixe Ramón Ares, destacouse que se trata dos mellores resultados na demora desde que se abriu o novo hospital, xa que se se revisan os anteriores obsérvanse valores superiores. Así, fronte aos 43 días de espera media cirúrxica de decembro de 2019, figuran os 46 de 2018; os 49 de 2017; os 48 de 2016; os 47 de 2015 e os 46 de 2014. Tamén se recordou que, na conxunto da área sanitaria, o 95% dos pacientes foron operados nun prazo menor aos tres meses e que o rendemento de quirófano do Hula achégase ao 80%, un 5% por encima do estándar de calidade que establecen as sociedades científicas.

A través dunha nota de prensa, a xerencia do centro lucense tamén sinalou que a demora por unha operación dos pacientes máis graves, aqueles considerados de prioridade 1, foi de 19 días, moi por baixo do obxectivo do Sergas, que establece un máximo de 30.

No conxunto da área sanitaria, o 95% dos pacientes foron operados nun prazo menor aos tres meses

No caso das consultas, a media de espera é de 42 días, aínda que hai especialidades nas que a demora pola primeira cita é menor. É o caso de Oncoloxía, con catro días de espera media; Obstetricia, con sete; Xeriatría, 13; Medicina Interna e Anxioloxía e Cirurxía Vascular, 15; Hematoloxía, 19; Cirurxía Xeral e Dixestiva, 20 e Nefroloxía, con 21.

No outro extremo atópanse especialidades que superan amplamente os 42, como Dermatoloxía, que ten unha demora media para primeira consulta de 60 días e é, ademais, o único servizo do que o Sergas recoñece esperas de entre seis meses e un ano. De feito, no último semestre do pasado exercicio 15 dos 1.313 pacientes en lista estiveron nesa circunstancia. Oftalmoloxía ten unha espera media de 52 días e é o servizo con máis pacientes en lista: 2.558. Con 44 días de demora e 2.074 pacientes, séguelle Traumatoloxía.

Desde a xerencia do Hula recordouse que a posta en marcha do programa Hermes, un proxecto de derivación rápida desde Primaria ao hospital para máis de cen patoloxías distintas axilizou as citas de 2.200 pacientes en consultas presenciais.

En canto ás probas diagnósticas, a espera media no Hula foi de 59 días. As que máis se atrasan son os estudos urolóxicos, unha media de cen días; as endoscopias dixestivas, 84; a ecografía vascular, con 83 e o intervencionismo por ecografía, 78. A ecografía de cabeza e pescozo non ten lista de espera.

A demora media para as intervencións en Burela é de 43,8 días e en Monforte, de 31

BURELA. Entre os datos das listas de espera no Hospital da Costa de Burela destaca a redución ata unha media de nove días a demora para as operacións máis graves, as denominadas de prioridade 1, que son as que precisan intervencións o máis urxentemente posible. Fontes do Sergas apuntan que este tempo é dificilmente reducible no sentido de que este período "é imprescindible para o establecemento dun diagnóstico, a realización das probas necesarias e a programación da intervención cirúrxica". A iso engaden que son dous días menos que no ano 2018.

No que se refire a intervencións cirúrxicas en xeral, a 31 de decembro de 2019 o hospital comarcal mariñán rexistrou unha espera media de 43,8 días e en consultas, aínda que a media é de 39 días para a primeira consulta, matizan que hai especialidades como Oncoloxía onde a espera é de só catro días.

MONFORTE. Pola súa banda, no hospital de Monforte a media de espera para pasar por quirófano foi, no último semestre de 2019, de 31 días, os mesmos que no mesmo período do ano anterior. Otorrinolaringología, Neurocirugía e Traumatología son os servizos cunha maior demora cirúrxica.

No caso das consultas, a espera media foi de 33 días. Oncoloxía e Obstetricia son as especialidades para as que a lista de espera é menor, con cero e dous días, respectivamente.

O Sergas destaca que a demora cirúrxica para pacientes graves baixa a 16 días
A espera media para operacións de prioridade 1, as de patoloxías máis graves, situouse en 2019 en 16,7 días o que supón unha espera de 2,7 días menos que en 2018, segundo os datos difundidos este venres. 

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, recordou que esa espera permite continuar por baixo do obxectivo fixado de menos de 30 días e garantir o compromiso de atender estas patoloxías máis graves no menor tempo posible, case na metade do obxectivo previsto. 

Respecto das doenzas de prioridade 2, a espera media foi de 55,1 días que supoñen 8,6 días menos que o pasado 2018. Así, o tempo medio de espera cirúrxica global do Sergas foi de 54 días, 7 días menos que no 2018. 

O xerente do Sergas dixo que, con estes datos, Galicia continúa manténdose entre os mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde e recordou tamén que durante 2019 foron 45.472 as persoas que se beneficiaron da garantía establecida coa entrada en vigor do decreto de tempos máximos para 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas ou terapéuticas e sete vías rápidas.

Comentarios