Un lucense ao que non lle diagnosticaron a tempo un ictus recibirá 200.000 euros

Os médicos tardaron un par de días en facerlle unha proba que detectase de inmediato o infarto
Entrada del Hula. EP
photo_camera Entrada del Hula. EP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de ditar unha sentenza na que recoñece a un lucense o dereito a cobrar 200.000 euros de indemnización polos danos sufridos por mor de que no Hula non se lle diagnosticou a tempo que sufrira un ictus, o que impediu que recibise o tratamento adecuado nas primeiras horas.

O fallo non só confirma a sentenza ditada polo xulgado Contencioso Administrativo 2 de Lugo, senón que admite o recurso interposto pola defensa do paciente, o letrado Cándido Álvarez Flores, e eleva ata os 200.000 euros os 120.000 que lle recoñeceron en primeira instancia.

A base da sentenza é o que se coñece como perda de oportunidade, como se considerou probado grazas aos informes do perito Rodríguez Jouvencel: os médicos tardaron un par de días en facerlle unha proba que detectase de inmediato o ictus, o que provocou que non fose tratado correctamente nas primeiras horas, o período de tempo no que os tratamentos contra o ictus adoitan ser moi eficaces. Segundo se puxo de manifesto durante o proceso, no primeiro momento no que acudiu a Urxencias un médico xa detectou síntomas de que podería tratarse dun ictus, polo que recomendou facer un TAC con contraste ou unha resonancia magnética. Con todo, o neurólogo que o viu despois considerou que se trataba dun ataque de ansiedade.

Horas despois, un segundo médico, psiquiatría, insistiu en que había síntomas de ictus, pero un segundo neurólogo volveuno a descartar. A pesar de que foi ingresado na planta de Neurología, aínda tardaron un día máis en realizar a resonancia. Non foi ata que un terceiro neurólogo viuno cando se ordenou a proba e comprobouse que, en efecto, sufrira un ictus. Todo este episodio produciuse, segundo a sentenza, a pesar de que os síntomas que presentaba eran compatibles co diagnóstico final, a que a realización do TAC con contraste ou a RM é o indicado nestes casos e a que nese momento había dous radiólogos no Hula.