Unha lucense, distinguida como muller influente

A experta en Comunicación Mar Castro é a única española, entre as dez condecoradas, que recibe un dos Napolitan Victory Award

Mar Castro, de Lugo.EP
photo_camera Mar Castro, de Lugo.EP

LUGO. Mar Castro, unha lucense experta en Comunicación, foi distinguida como unha das dez mulleres máis influentes do mundo e a única española dentro dos Napolitan Victory Awards, na categoría de comunicación política. O resto das agraciadas proceden de México (onde se seleccionaron a seis mulleres), Costa Rica, República Dominicana e Colombia.

O premio será entregado o próximo 6 de abril na sede da Organización de Estados Americanos (OEA), en Washington.

Este galardón pretende recoñecer, entre as mulleres que se postulan para iso, a aquelas cuxo traballo quedou demostrado que exerceu unha maior influencia nun certo ámbito.

Os premios están organizados por The Washington Academy of Political Arts & Sciences e reciben o nome de Napolitan en homenaxe a Joseph "Joe" Napolitan, considerado o pai da consultoría política.

Os Napolitan Victory Awards son o único premio cuxa convocatoria se estende a máis de vinte e un países de fala hispana e inclúe variedade de categorías que van desde campañas estatais e locais ata as que disputan a presidencia dun país.

Mar Castro mostrouse este luns "moi agradecida e emocionada" pola concesión deste premio ao que concorreu como adoita facer ela sempre polo mundo adiante, presentándose como "Mar Castro, de Lugo".

A galardoada engadiu que se trataba dun premio "moi prestixioso" entre os asesores de comunicación política.

A comunicadora lucense presentou, entre os seus méritos, dúas disciplinas que pon en práctica habitualmente: a NETiqueta política -baseada na xestión estratéxica da conduta dixital dos políticos en redes sociais, correos electrónicos e aplicacións de mensaxería- e a oratoria dixital.

Comentarios