A lucense Carmen Jorge Díaz logra unha das dez bolsas de posgrao da fundación Barrié

Serviralle para realizar un Máster en Física Teórica na Universidade de Cambridge

Carmen Jorge.EP
photo_camera Carmen Jorge.EP

LUGO. A lucense Carmen Jorge Díaz é unha dos dez graduados que obtiveron unha bolsa da fundación Barrié de la Maza para realizar programas de posgrao no estranxeiro. Carmen Jorge, realizará un Máster en Física Teórica na Universidade de Cambridge, vinculado ao departamento ao que pertencía Stephen Hawking.

Carmen Jorge estuda o grao en Física na USC, ao que chegou cun expediente brillante adornado con numerosos premios. Estudou ESO e BAC no IES Ollos Grandes e en 2014 logrou a medalla de bronce na fase nacional da Olimpíada de Física e tamén na Olimpíada Nacional de Química, ademais de obter o Premio Extraordinario de ESO coa segunda mellor nota de Galicia e logo o Premio Extraordinario de BAC. Ademais cursou o grao profesional de violín no Conservatorio Xoán Montes, é membro activo da Orquestra da USC e foi intérprete da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia.

A seguinte etapa académica de Carmen Jorge desenvolverase na Universidade de Cambridge, onde, probablemente, centrarase na teoría que unificaría tres das catro forzas fundamentais na natureza e en como describir a Gravidade conxuntamente coas outras forzas.

As bolsas da fundación Barrié cobren a matrícula no centro de estudos elixido ata un máximo de 50.000 euros, que é o montante límite da axuda, ademais dunha dotación inicial única de 1.000 euros para instalarse e unha asignación mensual de 1.600 euros durante o tempo que dure o posgrao.

Comentarios