Losada esixe "firmeza e determinación" para combater a violencia machista

O delegado do Goberno en Galicia acudiu ao acto de entrega dos Premios Meninas na provincia de Lugo
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Javier Losada, este martes, en Lugo. BRAIS LÓPEZ HORTAS

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, esixiu este martes "firmeza e determinación" para combater a violencia machista durante o acto de entrega dos Premios Meninas na provincia de Lugo, que recoñeceron o labor da activista Inés Fernández e do sarxento da Garda Civil Raúl Álvarez.

A Subdelegación do Goberno en Lugo acolleu nesta xornada o primeiro dos actos de entrega dos galardóns, que no terceira edición en Galicia percorrerán as catro provincias galegas para respectar as medidas de prevención fronte á covid-19.

Coa presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez; Javier Losada fixo un chamamento a continuar a loita contra ao machismo.

O delegado do Goberno subliñou a necesidade de que os responsables institucionais e as personalidades con visibilidade pública dean exemplo deste compromiso.

"Tan importante como o que facemos, é o que observan e interpretan outros e outras, o resto da sociedade, as novas xeracións. Se os demais ven que nós e nós rexeitamos o machismo, eles e elas rexeitarán o machismo. Se ven que nos enfrontamos con firmeza e determinación aos violentos, aos agresores e aos asasinos, o resto da sociedade tamén se animará a combatelos", afirmou durante a súa intervención.

"Se comproban que cada día damos un paso máis pola igualdade de dereitos, pola igualdade entre homes e mulleres, as novas xeracións tamén o asumirán con naturalidade", engadiu.

Esta idea forma parte da esencia dos Premios Meninas, que recoñecen esforzos e exemplos claros á sociedade de como "se pode axudar ás vítimas da violencia machista e como podemos combater aos seus autores e previr os seus efectos".

O Premio Meninas recaeu na activista Inés Fernández Lamela, vítima de violencia de xénero

Nese sentido, Javier Losada avogou por continuar coa actual senda de traballo.

"Somos conscientes de que non sempre chegaremos a tempo; que non poderemos levar a cabo as medidas necesarias coa axilidade que desexamos... Somos conscientes de que nin nun día nin en dous poderemos resolver o problema, pero sen ningunha dúbida si que podemos cultivar o xeito de facelo, mostrando á sociedade como actuar", asegurou.

O Premio Meninas recaeu na activista Inés Fernández Lamela, vítima de violencia de xénero e autora do libro "As miñas fillas devolvéronme a vida".

O xurado dos premios, no seu fallo, destacou que Inés Fernández tivo "valor para dar un paso adiante" e "contou a súa historia para axudar a outras mulleres que, como ela, foron vítimas do machismo".

O recoñecemento especial na provincia de Lugo foi para Raúl Álvarez, sarxento da Garda Civil destinado na Comandancia de Lugo.

O xurado recoñece con esta mención o seu traballo á fronte do Equipo de Muller e Menor (EMUME) da Comandancia lucense.

En Lugo hai, actualmente, 539 casos de violencia de xénero activos, polos 3.733 do conxunto de Galicia.

Este dato está por encima dos 482 cos que se pechou o ano anterior, cando se rexistraron 3.598 na Comunidade. 
 

Comentarios