A asociación de produtores lácteos Agromuralla presentou este xoves un escrito na Subdelegación do Goberno de Lugo no que expresa o seu rexeitamento á restrición da tractorada acordada por este organismo e no que comunica que os vehículos agrícolas abandonarán a capital lucense este venres pola tarde.
Os produtores lácteos, que cumpren este xoves 35 días rodeando a muralla romana de Lugo para esixir prezos dignos para o leite, sosteñen que non poden seguir adiante coa mobilización polas restricións establecidas pola Subdelegación, por mor da solicitude presentada polos empresarios lucenses, segundo explicou un dos seus portavoces, Odón Castro.
Esa resolución establecía que a partir deste venres os tractores só poderán ocupar un único carril da Ronda, a condición de que deixen dous libres para a circulación. Iso suporía que a protesta quedaría reducida a tres tramos desta vía de apenas 260 metros de lonxitude en total, dos máis de dous quilómetros que atrancan actualmente. O Concello tamén anunciou que a Policía Local multará a todos aqueles vehículos que non cumpran esa orde.
Segundo Odón Castro, coas medidas adoptadas, a Subdelegación "case" obrigou aos gandeiros a "abandonar a manifestación", porque para deixar "os carrís libres" na Ronda había "que evacuar tractores para outras zonas e as medidas de presión serían inútiles".
Desde o seu punto de vista, as organizacións que protestaron ante a Subdelegación pola presenza dos tractores na Ronda, fixeron "todo o posible" para que Agromuralla tivese que desconvocar esta mobilización, logo de 35 días de tractorada.
"Só intentabamos solucionar a difícil situación do noso sector, pero esta xente fixo posible que tivésemos que abandonar a manifestación", insistiu.
Logo dunha protesta tan longa, Odón Castro lamentou que os gandeiros sigan "igual", porque as medidas adoptadas pola Administración son "as de sempre" e "desde setembro" dedícase a dicir que "está a facer, que está a facer, pero a día de hoxe os resultados non se ven".
Ao seu xuízo, "é triste e lamentable, porque se seguen pasando a pelota os uns aos outros", pero "cando o sector primario desapareza, detrás del van vir moitos outros, pola importancia que ten na economía de Galicia".
"Ninguén quere a culpa, pero a Administración tiña que dar un golpe na mesa e tomar medidas en asuntos crave para o funcionamento e a viabilidade das explotacións, pero non houbo ninguén que tivese o valor para facelo. Que sigan así que xa verán os resultados", concluíu.
AGRADECEMENTO A AGROMURALLA. O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, quixo "felicitarse" polo final da protesta, que comezou o pasado 10 de decembro, porque a saída dos tractores do centro da cidade tamén acabará coas "molestias" que viñan soportando os cidadáns e os comerciantes, así como "coa crispación" social que se percibía nas últimas semanas.
Tamén expresou o seu desexo de que esta protesta servise polo menos para que os gandeiros consigan "algúns dos obxectivos" que se plantearon cando convocaron a tractorada.
O subdelegado quixo agradecer tamén aos membros de Agromuralla o seu comportamento, porque durante os 35 días que durou a tractorada non houbo "ningunha denuncia por problemas de seguridade cidadá" e "siempre respectaron as indicacións" que lles foron dando as autoridades para tratar de solventar os problemas que xeraban os tractores no centro da cidade.