"Non é para todo o mundo, tenche que gustar o que fas"

A Lomce contribúe a completar moitos ciclos superiores de FP en Lugo

O acceso directo para titulados de ciclos medios, implantado este curso, incrementou o interese polo ensino avanzado na capital ►Nalgúns centros decae a matrícula na modalidade básica, debido a que os equipos de orientación sopesan máis esta opción
Alumnos de Aeromecánica
photo_camera Alumnos de Aeromecánica

A Formación Profesional segue experimentando o tirón que ten desde que comezou a crise, a tenor das cifras de matrícula que manexan os centros da capital que ofrecen a maior parte dos ciclos desta modalidade. Unha das razóns que explican este incremento este curso é que por primeira vez permítese o acceso directo de titulados de ciclos medios aos ciclos superiores sen mediar exame de acceso. Esta é unha modificación introducida pola Lomce, que desactiva a práctica que era habitual ata este curso, que supuña realizar unha proba para poder optar a unha praza nun nivel superior, o que tiña un efecto disuasorio para moitos alumnos unha vez que acababan.

Ciclos iniciais

Nalgúns centros, a FP básica empezou tendo lista de espera hai dous anos e agora hai vacantes

Os principais centros de FP de Lugo pecharon a matrícula o pasado venres coa percepción de que se mantiveron, e nalgúns casos elevaron, as cifras de matrícula do ano pasado. No centro integrado As Mercedes, un dos dous que hai en Lugo especializados en ensinos profesionais, este curso haberá 703 alumnos, un centenar máis que no pasado, segundo a dirección.

A tendencia é similar no centro integrado Politécnico e o Ies Muralla Roma. Neste último caso, o seu director, José Antonio Corredoira, matiza que este verán o proceso de inscricións "foi máis lento" que outros anos, pero finalmente están practicamente todos os ciclos completos. As vacantes que quedan pertencen ao ciclo superior de Asistencia á Dirección, que comparte contidos con Administración e Finanzas, de aí que moitos estudantes se decanten por este último preferiblemente. Segundo un informe publicado por Addeco, en 2015 os títulos de FP con máis demanda laboral foron os de Administración e Finanzas e os de Informática e Comunicación, dúas ramas que se imparten no Muralla Romana e que rexistran a maior demanda neste centro.

Abandono

Estes ciclos teñen unha taxa de abandono elevada porque moitos alumnos vanse ao cumprir os 16

No Politécnico, onde tamén referendan esta tendencia, aseguran que ciclos como o de Fabricación Mecánica, que outros anos tiña bastantes vacantes, nesta ocasión teñen completas todas as prazas. "Como o traballo aínda está como está, moitos alumnos cando se titulan prefiren seguir facendo un ciclo superior", explica José Luis Blanco, subdirector deste centro. Ao contrario do que sucedía ata agora, este curso seguirán nas aulas a moitos alumnos que, co sistema anterior, quizais abandonasen xa o centro.

O paso directo, sen proba de acceso, tamén funciona entre a FP Básica e os ciclos medios.

FP BÁSICA. Por contra, a matrícula na FP Básica empeza a experimentar un descenso, segundo perciben algúns directores de centros. Este nivel de formación foi o primeiro no que se implantou a Lomce, que contempla esta posibilidade para os alumnos que teñen dificultades para avanzar na Eso. De feito, o curso pasado acabou a primeira promoción que experimentou a FP Básica. Para participar nun programa deste tipo é necesario ser proposto polo equipo docente, ter o consentimento dos titores legais, cumprir 15 ou 16 anos durante o ano de inicio do ciclo e cursar terceiro de Eso ou, excepcionalmente, segundo curso.

Cambio

Quen logran o título de ciclo medio poden optar a unha praza do superior sen realizar proba de acceso

No Ies Muralla Romana, este curso non hai listas de espera, como si sucedía en anos anteriores. O seu director, José Antonio Corredoira, considera que este itinerario se está usando con máis cautela que ao principio, porque se comproba que non é a mellor opción para todos os casos. "Ás veces é mellor que permanezan na Eso cos apoios que necesiten", explica. A FP Básica segue tendo materias lingüísticas e científicas e moitos alumnos para os que supuñan un problema na Eso atópanse os mesmos escollos nesta alternativa.

De feito, Corredoira sinala que na primeira promoción, rexistrouse unha taxa de abandono bastante elevada. Algúns alumnos decidiron deixar os estudos en canto cumpriron os 16 anos e deixaron de estar obrigados á escolarización. Dos que cubriron os dous cursos, tampouco todos se titularon. Só unha cuarta parte acabou con éxito eses ensinos.

Impulso

A modificación anima os estudantes a continuar cos estudos se non atopan traballo

No Politécnico aseguran que non teñen datos aínda para confirmar esta tendencia, aínda que si recoñecen que este ano están a recibir os alumnos derivados doutros centros con máis atraso, o que os leva a pensar que quizais haxa algo de certo en que os centros sopesen máis a deriva cara á FP Básica.

Nas Mercedes, con todo, estes ensinos manteñen o tirón inicial e teñen lista de espera. Segundo o seu director, Joaquín Expósito, inflúe niso que o ciclo que ofrecen Mantemento de Vehículos esperta un alto interese en alumnos destas idades.

Comentarios