Localizada tras encaixar un coche contra unha árbore de noite e fuxir

A Policía Local achou no lugar varios restos dun turismo e percorreu concesionarios e talleres ata pescudar a súa marca, modelo e ano de fabricación. A súa dona acabou confesando os feitos
2020081610422595176
photo_camera Estado no que quedou o turismo estacionado na Rúa Ourense. EP

Chocou contra un vehículo de madrugada, encaixou a outro coche contra unha árbore e deuse á fuga. A muller que provocou o accidente marchou do lugar coa esperanza de que non a puidesen localizar e sen chegar a imaxinar que unhas pequenas pezas de plástico -que saltaron do seu vehículo- serviríanlle á  Policía Local para resolver o caso.

Os feitos sucederon o pasado domingo, día 2, cando unha muller acudiu pola mañá a coller o seu coche -que estacionara a tarde anterior na Rúa Ourense- e atopouse cunha desagradable sorpresa. O vehículo estaba encaixado contra unha árbore ornamental e presentaba importantes danos, tanto na parte dianteira como na traseira. O estado do turismo revelaba sen dúbida que fora embestido por outro coche, pero o condutor ausentouse do lugar sen deixar nin unha simple nota.

A afectada chamou á Sala do 092 e unha patrulla da Unidade de Atestados desprazouse ata o lugar do accidente, pero os axentes comprobaron que non había ningún dato do presunto causante e tampouco puideron localizar a ningunha testemuña. Aínda así, a investigación seguiu o seu curso e os policías realizaron unha minuciosa inspección ocular no lugar dos feitos e nas inmediacións, conseguindo localizar varios restos que presuntamente pertencían ao vehículo que se encaixou contra o coche estacionado.

Os investigadores analizaron as pezas, cotexaron a base de datos de vehículos e realizaron numerosas visitas a concesionarios e talleres da cidade, ata que lograron pescudar a marca, o modelo e o ano de fabricación do turismo ao que supostamente pertencían as pezas.

Os axentes localizaron á propietaria do coche -que o estaba reparando- e citárona para que acudise a comisaría. Unha vez alí, a moza acabou recoñecendo os feitos e foi denunciada por dúas infraccións ao Regulamento Xeral de Circulación, "unha por conducir sen a dilixencia e a precaución necesarias, e outra por ausentarse do lugar do accidente sen facilitar os seus datos ás persoas afectadas".

Segundo explicou sábado o portavoz da Policía Local, "a pericia dos axentes de Atestados, empeñados en erradicar este tipo de condutas que deixan aos afectados nunha situación de desamparo, unida ao gran traballo de campo que realizaron, deu finalmente os seus froitos". A propietaria do turismo encaixado mostrou o seu agradecemento aos axentes.

Comentarios