O lixo alaga as rúas polo insuficiente e mal estado de colectores

Cheas de bolsas de plástico e de caixas de cartón atrancaban a beirarrúa este martes

Os colectores que se atopan na Rúa Dinán, case á altura de Soto Freire, estaban este martes pola mañá desbordados. Cheas de bolsas de plástico e de caixas de cartón atrancaban a beirarrúa. Os peóns tiñan que sortear as decenas de quilos de lixo apiladas para seguir o seu camiño.

Este caso, que desatou as críticas dos lucenses, é un exemplo do "mal estado" que presentan algúns colectores e do infuciente que é o seu número, segundo denunciaba este martes o grupo municipal de Cidadáns.

"É unha vergoña que a cidade teña tantos colectores en mal estado, non se libra ningún barrio de Lugo deste fenómeno, o que xera malos cheiros, unha terrible imaxe, e o máis importante, unha grande insalubridad", afirmaba a portavoz municipal da formación laranxa, Olga Louzao.

LUGONOVO. Outro grupo municipal, o de Lugonovo, propuña este martes que o Concello de Lugo leve a cabo unha campaña de sensibilización para que os lucenses non arroxen as cabichas dos cigarros á vía pública.

"As cabichas son un risco para a saúde e a súa retirada das rúas resulta moi custosa para os Concellos. Por iso cremos necesario e urxente loitar contra elas dende a propia administración local", indicaba o edil de Lugonovo Víctor Álvarez.

Este concelleiro asegura que o 65% do tabaco que se consome acaba no chan.