As licenzas urbanísticas tramitadas en Lugo en 2022 caeron á metade

O PP di que a xestión urbanística do Concello segue empeorando e insiste en buscar a colaboración de arquitectos externos e en levar a cabo cambios no funcionamento interno para axilizar os tempos de resolución dos expedientes
Grúas de obra en Lugo. PEPE ÁLVEZ (ARCHIVO)
photo_camera Grúas de obra en Lugo. PEPE ÁLVEZ (ARQUIVO)

O Concello de Lugo tramitou 94 licenzas de obra maior (entre as aprobadas e as denegadas) no ámbito urbano entre o 1 de xaneiro e o 18 de maio do ano pasado. No mesmo período deste ano, tramitou 39 proxectos, case un 60% menos. O tempo medio de resolución dos expedientes o ano pasado foi dun ano e un mes e o deste ano, dun ano e sete meses. A situación é mellor na zona rural, onde se tramitou practicamente o mesmo número de expedientes (38 e 37, respectivamente) e o tempo de resolución reduciuse en dous meses, ata un ano e sete meses de media.

Os datos foron achegados polo PP tras revisar os acordos das xuntas de goberno local, órgano polo que pasan moitos destes expedientes, aínda que non todos. Algúns se aproban ou se denegan por decreto, como os relativos á zona Pepri, segundo explicou recentemente o goberno local. 

En todo caso, o PP cre que as cifras proban que a xestión urbanística no Concello de Lugo lonxe de mellorar sigue empeorando. Segundo os cálculos realizados polos populares cos datos de expedientes pendentes de tramitación achegados polo goberno, os proxectos que están á espera de licenza municipal suman un investimento duns 50 millóns de euros.

Ante esta situación, o PP iniciou unha rolda de reunións cos sectores afectados para exporlles as medidas que considera que poderían axilizar a tramitación municipal, como as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (Eccon) ou a externalización de informes a través de asistencias técnicas. Na reunión celebrada este venres con representantes  dos aparelladores e dos enxeñeiros técnicos industriais abordouse tamén a demanda de que, cando un profesional ou promotor acode ao Concello a realizar unha consulta técnica, déaselle a resposta por escrito, para evitar que se produza a situación de que posteriormente o proxecto sexa analizado por outro técnico e este teña un criterio distinto. Esta é unha queixa moi frecuente e, no pleno deste xoves, o PP tratou de que o goberno se comprometese a adoptar esa medida. Foi rexeitada por falta de amparo legal, alegou.

O goberno de Lara Méndez leva meses tratando de cambiar as dinámicas de funcionamento da área de urbanismo, onde ademais hai problemas de persoal e ten unha concelleira en funcións desde máis dun ano pola baixa do edil titular. O equipo de goberno cre que xa se están producindo algúns resultados e confía en que nos próximos meses veranse máis. Nos últimos meses aprobou dúas instrucións para axilizar e simplificar a xestión, está pendente de aprobar unha ordenanza de trámites urbanísticos e negocia co Colexio de Arquitectos unha fórmula para que este dea apoio aos servizos municipais.

Comentarios