O libro de texto dixital consolídase en 59 centros educativos lucenses

A Consellería de Educación engade dez novos colexios ao proxecto E-Dixgal, unha iniciativa que comezou a funcionar en 2014
Alumnos con libros digitales. J. VÁZQUEZ
photo_camera Alumnos con libros dixitais. J. VÁZQUEZ

O inminente arranque do curso lectivo nos centros educativos da provincia lucense vén marcado polo proceso de dixitalización do ensino que puxo en marcha a Xunta nas etapas de primaria e secundaria desde o ano 2014 e que este ano académico se aplica a dez novos colexios.

Os estudantes destes dez centros educativos —59 en total— cambiarán os tradicionais libros en papel por un computador portátil que lles facilita a administración educativa e co que poderán traballar en casa. Este alumnado súmase ao dos outros 49 centros que desde 2014 fóronse incorporando paulatinamente ao programa E-Dixgal que pon en marcha a consellería de Educación en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Sen ir máis lonxe, o ano pasado foron 24 os colexios e institutos nos que a Xunta implantou este sistema.

Na capital provincial, súmase á iniciativa de dixitalización do ensino o Ceip Illa Verde. No resto da provincia farano os colexios Bretoña de A Pastoriza; o plurilingüe Santa María de Fonsagrada; San Miguel de Reinante de Barreiros; Veleiro Docampo de Castro de Rei; O Cantel de Foz; Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo; Monte Baliño de Pantón; Terra Chá de Vilalba, e Pedro Caselles Rollán de Xove.

Oito centros da provincia están a ser renovados de forma integral e varios deles arrincarán o curso coas obras en marcha

Hai dous anos, Educación comezou a modernizar os equipos informáticos e dar substitución aos computadores que se repartiron co programa Abalar. Desde entón, a consellería entrega ultraportátiles que os alumnos deben levar a casa a diario, responsabilizándose de levalos cargados cada día a clase, ademais de comprometerse a facer un bo uso deles.

A incorporación deste sistema permitirá que moitos alumnos que se inician neste modo de aprendizaxe nos últimos cursos de primaria poidan ter continuidade nos primeiros anos de secundaria.

De todas as maneiras, a implantación de E-Dixgal non implica un abandono total da metodoloxía tradicional. Moitos dos recursos ao longo da xornada lectiva serán dixitais, pero os alumnos seguirán utilizando libros, lousa e recursos en papel. Segundo indicou a Xunta, os centros educativos adscritos a esta iniciativa dispoñen dunha conexión a internet adecuada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula, así como para profesorado e alumnado. Ademais, terán acceso a máis de 3.400 recursos do repositorio de contidos do espazo Abalar.

Unha das novidades que ofrece a nova singradura escolar é que no colexio Luís Pimentel subscribirase un convenio para lingua árabe

Ademais, a propia consellería de Educación, consciente de que este cambio metodológico precisa da actualización das competencias docentes, formará ao profesorado destes dez novos centros educativos nos que comezará a funcionar E-Dixgal.

A Xunta confirma que todo o profesorado contará con formación específica no propio centro a través do Plan de Formación Permanente do Profesorado e do asesoramento da Rede de Formación de Profesorado. Unha aprendizaxe que se complementará nos centros de formación e recursos (CFR) e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para profesorado participante e coordinador de E-Dixgal.

REFORMAS. Durante este verán, a administración autonómica executou obras de remodelación en oito centros educativos da provincia por valor de seis millóns de euros.

Os colexios nos que se están actuando son o Ceip número 1 de Foz (943.380 euros); o de Cervo (815.989 euros); o Virxe do Carme de Burela (860.297 euros); o instituto Muralla Romana de Lugo (833.576 euros); o colexio de Casás (732.571 euros); o Luis Pimentel de Lugo (469.455 euros); o Santa María de A Fonsagrada (896.243 euros) e o Ramón Piñeiro de Láncara (587.875 euros).

O mércores comezan as clases 20.316 alumnos na provincia de Lugo

Segundo indica a Xunta, "a comunidade educativa destes centros estreará instalacións totalmente renovadas". Son, todas elas, intervencións elixidas "con prioridade" polo estado das instalacións.

Todos os traballos contemplados inclúen medidas para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios. As obras consistiron na renovación ou reforzo do illamento en fachadas e cubertas; a renovación da carpintería —fiestras, portas e persianas—; cambio de falsos teitos e colocación de elementos illantes; substitución completa das luminarias existentes por equipos LED de alta eficiencia enerxética; instalación de detectores de presenza en zonas comúns; repintado de aulas, paredes, teitos e fachadas.

Por outra banda, o novo colexio de Sacro Corazón, para o que a Xunta destinou 4 millóns de euros, entrará en servizo durante o próximo curso.

Matrícula â??O curso comeza para máis de 20.300 alumnos
O mércores comezan as clases 20.316 alumnos na provincia de Lugo, dos que 6.400 serán en infantil, outros 13.828 en primaria e 88 en educación especial. En toda Galicia son preto de 196.900.

 

Comentarios