De Lara mira desde o 'desterro' como se embaza a súa herdanza

Fiscalía e Audiencia dan as costas a unhas macrocausas que a xuíza instruía porque se ignoraron os abusos
Pilar de Lara. SEBAS SENANDE
photo_camera Pilar de Lara. SEBAS SENANDE

"A todos os xuíces tómbannos causas, revógannos resolucións. Non é algo que pase exclusivamente comigo, pasa con moitos xuíces e especialmente coas macrocausas". As frases son da maxistrada Pilar de Lara nunha entrevista que concedeu a finais do ano pasado, xusto o día antes de incorporarse ao xulgado número 8 de Ponferrada.

É o seu novo destino, onde soporta esa especie de desterro á que a condenou o CGPJ polos numerosos abusos cometidos durante a investigación das múltiples macrocausas que abriu nos seus catorce anos á fronte do xulgado de instrución 1 de Lugo. Vulneración de dereitos constitucinais dos investigados e das vítimas, atrasos ilegais nas resolucións, impulso selectivo dos asuntos, instrucións mastodónticas e irracionais que provocaban atrasos eternos, investigacións prospectivas... o catálogo de cargos do CGPJ foi suficiente como para suspendela sete meses de emprego e soldo e privala do seu destino.

Eran, con todo, actuacións que os letrados dos investigados levaban denunciando e criticando moitos anos. ¿Por que non se lles fixo caso no seu momento? A propia maxistrada achega unha das claves naquela entrevista que deu a finais de decembro pasado: "é imposible que os xuíces vaiamos por libre porque detrás de cada decisión dun xuíz adoita haber un informe do ministerio fiscal. Un xuíz dita unha resolución, as partes recórrena, o ministerio fiscal recórrea, vai á Audiencia Provincial, e a Audiencia pódea confirmar ou revogar". 

E iso é o que pasou durante moitos anos en Lugo, que Fiscalía e Audiencia eludiron molestar á entón xuíza estrela amparándose no clásico "non é o momento procesual oportuno". A clásica patada cara adiante.

Agora, amparados todos pola condena do CGPJ, as cousas cambiaron. O resultado é que a inmensa maioría das principais causas iniciadas por Pilar de Lara está a ser sobreseídas ou reducidas a cargos e condenas mínimas.

Aínda haberá máis, seguen coleando pezas da Carioca, Pokemon, Polbo, Cóndor e doutras menos famosas pero igualmente desproporcionadas. Polo camiño queda un regueiro de vidas manchadas, de vítimas sen xustiza e, sobre todo, de oportunidades perdidas.

Comentarios