Lara Méndez, sobre Orozco: "A xustiza cando chega tarde é inxusta"

A rexedora considera que o exalcalde non tiña responsabilidades "nin penais nin políticas" na Operacion Pokemon

Lara
photo_camera Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. SEBAS SENANDE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, opina que o informe do fiscal que solicita o arquivo provisional da causa contra o seu predecesor, José López Orozco, nunha das pezas principais da Operación Pokemon, demostra que non tiña responsabilidades "nin penais nin políticas", polo que afirmou que "a xustiza cando chega tarde é inxusta".

En declaracións aos medios de comunicación, Lara Méndez, afirmou que esta circunstancia "acentúa aínda máis a xenerosidade e a altura de miras que tiña o alcalde Orozco", porque tomou a decisión de presentar a súa dimisión, de dar "un paso atrás pensando no ben da cidade de Lugo".

Méndez dixo que "ese paso atrás" que facilitou a súa investidura como alcaldesa de Lugo, foi "por ese amor á cidade" e ese sentido da responsabilidade institucional que lle deron "os seus dezaseis anos ao fronte do goberno local".