Lara Méndez reivindica que Lugo "estea presente" na nova executiva do PSdeG

A alcaldesa celebra que se abra "unha nova etapa ilusionante" no partido
Lara Méndez. SABELA FREIRE
photo_camera Lara Méndez. SABELA FREIRE

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, reivindicou que a cidade "estea presente" na executiva nacional que arme o novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, despois do Congreso que os socialistas galegos celebrarán os días 7 e 8 de decembro. 

Preguntada sobre a futura dirección da formación tras a vitoria de Formoso, Lara Méndez destacou que é unha cuestión que aínda "está por definir". "O importante é o proxecto, e converterse en alternativa real" ao Partido Popular no Goberno galego. 

"Evidentemente Lugo ten que estar presente na executiva nacional, pero iso serán os pasos que se vaian dando de face ao Congreso que celebraremos a principios de decembro", subliñou. 

A rexedora considerou que coa víctoria de Formoso ábrese "unha nova etapa ilusionante", unha "nova etapa na que a militancia falou e quere reconectar coa sociedade, buscar a integración de todos os membros do partido". 

"Temos unha militancia moi viva e moi activa que se manifestou cunha alta participación no proceso de primarias. Unha militancia que ten ganas de ser alternativa real ao Goberno da Xunta de Galicia", defendeu. 

Lara Méndez sinalou que é "desde os poderes públicos onde se pode transformar. "Desde as administracións, e queremos ser unha opción real ao goberno da Xunta de Galicia que está en mans do PP", reiterou. 

"En 12 anos que leva o señor Feijóo á fronte da Xunta, nin temos claro que modelo de país queremos, nin temos claro que modelo de ordenación do territorio queremos, nin temos claro como queremos sustentar o alicerce do benestar e de educación e sanidade, nin temos claro que políticas imos ter para reconstruír a economía", sostivo a rexedora de Lugo. 

Dito isto, destacou que Valentín González Formoso "ofrece esa visión de reconstruír o partido, de integrar o partido, de fortalecer o partido e de crear eses equipos coa posibilidade de ser alternancia coa experiencia e o aval tanto no ámbito local, no concello das Pontes, como na Deputación da Coruña".

Comentarios