Lara Méndez lanza a mesa para a industria e chama á USC a sumarse

Reivindica o valor do plan Lugo Transforma e ve vital a implicación universitaria polo seu potencial investigador e para crear empresas
undefined
photo_camera Reunión este mércores no Concello para a mesa pola industria á que asistiu a USC. SEBAS SENANDE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, impulsa a creación da mesa para a diversificación industrial de Lugo e este mércores reuniuse coa vicerreitora do campus, Montserrat Valcárcel, xa que se busca que a USC se some ao plan.

A mesa para a diversificación industrial será unha ferramenta complementaria do plan Lugo Transforma e Méndez recordou que o obxectivo é atraer investimentos co fin de xerar empregos en empresas innovadoras, acordes ao modelo de cidade sostible que se busca para o futuro de Lugo.

A rexedora, que tamén chamou aos grupos da oposición a unirse a esa mesa, sostivo no encontro coa vicerreitora que é especialmente importante a participación da USC porque resulta relevante contar co potencial que ofrece a universidade a través do seu labor de formación, investigación, difusión do coñecemento e impulso para a creación de novas empresas.

Recordou que xa acordaron sumarse á mesa axentes e colectivos económicos da cidade, así como a Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Méndez dixo que o seu obxectivo é que se vaian sumando tamén o tecido social e o resto das institucións.

A mesa para a diversificación industrial complementa a estratexia Lugo Transforma, o fondo creado polo Concello para atraer novas empresas e que está dotado de 12 millóns, recordou o goberno local. Trátase dun plan a cinco anos e que a través dun sistema de fondo de capital risco permite que o Concello se implique economicamente no asentamento de firmas con alto impacto social e ambiental.

A rexedora reivindicou que é o maior investimento da historia para promover a recuperación económica e a implantación de novos modelos de industria.

Comentarios