Lara Méndez di que hai formas "máis apropiadas" para recadar que as peaxes

A alcaldesa de Lugo entende que os impostos "son imprescindibles para manter o estado de benestar", aínda que é partidaria de buscar outras opcións
Lara Méndez. XESÚS PONTE
photo_camera Lara Méndez. XESÚS PONTE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recoñeceu que "hai outras formas de recadación máis apropiadas" que cobrarlles aos usuarios polo uso das autovías e das estradas convencionais a partir de 2024, como expón o Goberno de España. 

En todo caso, opina que se trata de "unha opción que se pon encima da mesa", para "abrir un debate e valorar se pode ser idóneo introducir esas peaxes". 

"Non se se é a medida máis adecuada. Haberá que ver como se aplica", dixo a rexedora local, quen en todo caso pensa que "hai outras formas de recadación máis apropiadas", sen incrementar a fiscalidade "sobre algo que temos que utilizar por necesidade, por traballo". 

"Como defensores do público, entendemos que, para ter infraestruturas, para ter dotacións, necesitamos de impostos, porque pola contra non temos a posibilidade de distribuír a riqueza", pero Méndez tamén dixo que "haberá que buscar as canles máis adecuadas" para conseguir eses ingresos. 

"A recadación, os impostos, son imprescindibles para manter o estado do benestar", insistiu, pero se mostrou partidaria de explorar outras fórmulas. 

CEL. O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo ( CEL) e vicepresidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Jaime López, expresou a "absoluta oposición" da patronal galega á posibilidade de que o Goberno empece a cobrar polo uso de autovías e estradas convencionais a partir de 2024.

"Queremos manifestar a nosa absoluta oposición a esta nova carga fiscal, como non podía ser doutra maneira", dixo Jaime López en declaracións a Efe.

De feito, afirmou que a propia Confederación de Empresarios de Galicia xa avisou en numerosas ocasións que a "presión fiscal é insoportable neste país", como "para pensar nunha medida deste calado".

Desde o seu punto de vista, provocaría efectos "moi importantes na economía das familias", pero tamén afectaría de forma moi nociva ás contas e á actividade das propias empresas.

Por iso, afirmou que "se hai que reequilibrar os orzamentos" do Estado, se cadra "hai que empezar a pensar nunha reforma profunda da administración pública, no canto de seguir cargando" o peso de todo ese custo "sobre os contribuíntes".

Comentarios