ALCALDESA DE LUGO

Lara Méndez: "Dentro de dous anos véxome como alcaldesa"

Despois de cumprir o ecuador do seu segundo mandato a rexedora local anuncia a chegada de empresas atraídas polo modelo sostible de cidade e o remate dunha batería de proxectos nos dous próximos anos
Lara Méndez na Mosqueira. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Lara Méndez na Mosqueira. VICTORIA RODRÍGUEZ

Como cambiou o conto desde o seu primeiro mandato a este.
Foi un xiro de 180 graos desde un non para todo da oposición a ter estabilidade, que permite ter un horizonte de planificación, non só de ano en ano, senón de mandato, a catro anos. Non podemos obviar o momento que nos toca vivir. Neste mandato de 24 meses 16 foron de pandemia. Nos oito primeiros meses démolles continuidade a proxectos que xa estaban redactados e aprobados do anterior mandato e que quedaba ter o orzamento para poder executalos, como a pista de skate, a cuberta das pistas de tenis, a peonalización da Rúa Quiroga Ballesteros, o soto da praza de abastos ou a ampliación do cemiterio. Ademais seguimos co desenvolvemento dos fondos europeos, como a pasarela sobre a N-VI, que xa está a piques de rematarse, e en breve vaise iniciar o paso soterrado.

Como está a condicionar a pandemia os proxectos do goberno local?
Nestes dous anos levamos 49 millóns de euros adicados a infraestruturas, pero ademais tocounos reiventarnos, dar un xiro completamente a esa folla de ruta establecida para o mandato, onde tivemos que cambiar prioridades, fortalecer os servizos sociais, porque houbo moita xente que non era demandante de prestacións sociais que agora as necesita, e a economía. Fomos o primeiro Concello e o que máis deu de toda Galicia en axudas directas a autónomos e pemes. Estamos a falar de 4.300 beneficiarios e 6 millóns para ese fin, o que supón case o 6% do noso orzamento. E todo iso fixémolo sen ningunha axuda doutras administracións, con fondos propios. A Xunta recibiu do Estado 1.200 millóns de euros para sanidade, educación, axudas directas... Isto supón un 10% do seu orzamento, pero non foi quen de destinar nin un 1% a axudas directas.

Hai empresas de enerxías limpas que grazas á imaxe de cidade verde e sostible xa teñen o foco posto en Lugo

Como sairá Lugo desta crise?
Véxoo con oportunidades porque estamos tendendo as pontes para telas. Co plan Lugo Transforma, ademais dos 12 millóns aportados polo Concello o xestor do fondo ten que vir cun millón comprometido, o que garante investimento privado para que teña un efecto dinamizador. Iso vai xerar emprego e riqueza que son fundamentais para diversificar o modelo produtivo que temos. Ademais estamos a traballar en fortalecer a marca Lugo, esa imaxe de cidade verde e sostible. Isto implica, como daremos conta nuns días, que hai empresas que grazas a esa marca de cidade están interesadas en asentarse en Lugo. Empresas de enerxías limpas que teñen xa o foco posto na nosa cidade, o que xerará postos de traballo. A sostibilidade é o motor da transformación da cidade e da súa economía. Nós levamos tempo facéndoo por convicción, pero vai ser unha imposición da Unión Europea, xa está no marco da Axenda 2030, dos ODS...

Aparenta que hai lealdade entre os dous socios de goberno.
Temos un acordo programático que é a nosa folla de ruta, que houbo que trastocar pola pandemia, pero as bases son as que estaban establecidas do pasado mandato. Temos claro o horizonte.

Coida que o seu socio, o BNG, pode capitalizar eses proxectos que está a xestionar que herdou do anterior mandato?
Todos temos obxectivos políticos, pero son a catro anos e despois pasamos un proceso electoral. Eu son unha persoa con altura de miras, non podemos ser curtopracistas, nin non ter unha visión de futuro e de cidade. Non só é quen fai cada cousa, quen a fai é o Concello de Lugo e quen marca as prioridades é o acordo programático que asinamos, que vai acorde co modelo de cidade implantado desde 2015. Temos que ser ambiciosos, non arrugarnos cando haxa unha reacción a un cambio.

Como a contestación social que está a ter o carril bici ou a reordenación das liñas do bus urbano.
As críticas son lexítimas e como sociedade ás veces somos reacios aos cambios, pero ao final veremos que é moito mellor e que teremos unha cidade máis amable, máis humana, que invita á convivencia e na que socializamos moito máis, que é o que queremos recuperar nesta época poscovid.

Fomos o primeiro Concello e o que máis deu de toda Galicia en axudas directas a autónomos e pemes

Que estará listo en dous anos cando remate o seu mandato?
Imos ter executado o 100% do Smart City e do Life Lugo+Biodinámico; unha porcentaxe moi elevada da estratexia Dusi Muramiñae; moitos proxectos vinculados aos orzamentos; o inicio da estación intermodal; a peonalización da Ronda na Mosqueira... Son moitos os proxectos que imos ver a finais do mandato. A transformación real iniciada en 2015 vaise visualizar moi ben en 2023. O outro punto de inflexión que vai supoñer un antes e un despois é a parcela de San Roque, Ronda e Carril das Frores, na que se xuntan a Muralla e o Camiño Primitivo.

E o auditorio?
O auditorio tamén vai estar. En breve vai ir a xunta de goberno a adxudicación das obras. Ao final para poder abrir un auditorio novo temos que executar unhas obras de mellora de 500.000 euros, máis do inicialmente previsto.

Vaille saír caro ao Concello de Lugo gañar unha zona verde coa demolición do Garañón?
Haberá que indemnizar pola parte que ten executada, si ou si. Outra cuestión é chegar a acordos para compensar os dereitos lexítimos que poida ter. Hai moitas zonas de crecemento nas que pode seguir manténdoos e que nós sigamos proxectando esa cidade que busca a integración co Miño e que se rompa a discontinuidade urbana existente nese treito para por en valor O Carme e A Cheda, que fará de efecto dinamizador e tractor doutros desenvolvementos.

Queimoulles a dimisión do edil Miguel Couto? Porque deu a sensación de que lle fixeron unha despedida fría.
Non. No pasado mandato houbo cinco renuncias, sen contar a de Pepe Orozco. A todos se lles despediu igual, foran do goberno ou da oposición, con palabras cariñosas, de recoñecemento do seu traballo e desexándolles moita sorte na nova etapa que iniciaban, como fixemos nesta ocasión. Outra cousa é que a oposición anda máis ao ruído que a propoñer unha alternativa real de goberno.

Para abrir o auditorio temos que executar unhas obras de mellora de 500.000 euros

Cando marchou dixo neste xornal que non había quen lle metera o dente á área de urbanismo, con licenzas que se eternizan.
Todo ten solución. Este é un problema en Lugo e noutras cidades. En primeiro lugar porque todas temos unha merma de persoal, o PP xestionou a anterior crise desde a austeridade, chegando a asfixiar a administración local. E en segundo lugar polo exceso de xudicialización que xerou un medo ao erro porque acabou penado. Estamos intentando adelgazar os procedementos e unificar criterios. Non pode ser que se cae en mans dun funcionario o criterio sexa un e se cae en mans doutro sexa outro porque a cidade é a mesma e as normas tamén. A finais de mandato veranse os resultados.

REELECCIÓN

Onde se ve en dous anos, cando sexan as eleccións municipais?
Véxome de alcaldesa seguindo coa transformación da cidade porque as grandes transformacións requiren de tempo.

Non corren bos tempos para o PSdeG- PSOE? 
O PSdeG pode pasar gripes, unhas déixanos dous días na cama e outras aguantámolas e imos a traballar, pero afortunadamente é un partido saudable, forte, con estrutura e sobre todo con vocación de transformar a sociedade. Os grandes logros sociais e de dereitos viñeron sempre das mans dos presidentes socialistas (Felipe González, Rodríguez Zapatero e Pedro Sánchez). E a nivel local as grandes infraestruturas viñeron de cargos socialistas que apostaron por Lugo e a súa provincia. Por exemplo, sendo ministro Pepe Blanco iniciouse a redacción do proxecto da estación intermodal, un goberno do PP, sendo presidente Mariano Rajoy, meteuno no caixón e novamente un presidente socialista Pedro Sánchez é o que o está presupostando e dando un impulso para modernizar as infraestruturas viarias e ferroviarias. Durante sete anos de goberno do PP non se electrificou nin un só metro da liña Ourense-Lugo, agora xa son case 300 millóns os que van adxudicados para mellorala.

Di que o partido está ben, pero o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, está a ser cuestionado?
A finais de ano iniciaremos un proceso congresual e aí veremos o que di e o que quere a militancia para o futuro do PSdeG.

A finais de ano iniciaremos o proceso congresual e aí veremos o que di a militancia sobre o futuro do PSdeG

Haberá candidatos alternativos?
Sempre hai candidatos alternativos, tanto en procesos orgánicos como institucionais. E iso é bo e enriquecedor, como acabamos de ver en Andalucía. O grande obxectivo que temos é a suma de todos os efectivos para seguir transformando a sociedade.

Foi vicepresidenta da Deputación con Gómez Besteiro ao fronte, coida que volverá á primeira liña política agora que ten a maioría das causas xudiciais arquivadas?
O máis importante é que teña a posibilidade de decidir se quere ou non dar o salto á primeira liña política porque ten unha gran capacidade de xestión, como xa o demostrou como concelleiro e os oitos anos que foi presidente da Deputación. De momento cortáronlle a súa capacidade de decidir por uns asuntos que estamos vendo que están quedando en nada, pero que se están alongando no tempo, uns tempos que son escandalosos e inxustos. A Xustiza se se alonga no tempo non é xusta.

APARCAMENTO

Unhas das súas primeiras decisións cando accedeu á alcaldía en 2015 foi suprimir a Ora. En zonas como o contorno da estación de autobuses os comerciantes piden un sistema que regule o aparcamento. Retomarán algún sistema?
Tomouse esa decisión porque había unha sentenza que anulou o contrato. Nalgunhas zonas viuse que non era necesaria a Ora, pero noutras sería bo un sistema de rotación que incentive o fluxo de circulación, sobre todo onde hai unidades administrativas e comercios, por tanto non o descartamos, independentemente de como sexa, gratuíto ou non, de media hora, unha hora, dúas... Incluso non ten por que ser o mesmo modelo en todas as zonas. Hai que ir a outro concepto de mobilidade. Cando vexamos o resultado de todas as actuacións que estamos facendo veremos se é necesario nalgún sitio reforzar con sistemas de rotación.

Tamén está atrancado o contrato do lixo.
Era previsible porque é o maior contrato do Concello, 134 millóns de euros en dez anos. É normal e incluso lexítimo que as empresas pelexen ata o último resquicio que lles quede para poder ser adxudicatarias. Tamén nos pasou cos desfibriladores, de 250.000 euros. Sucede no Concello de Lugo e noutras administracións. Isto retrasa a negociación, pero segue o seu cauce e esta semana houbo unha mesa de negociación para seguir avanzando. E aínda contamos con que poida haber un recurso máis.