De Lara líbrase dunha peza do caso Pokemon co seu envío a 20 xulgados

Trátase da causa sobre supostas irregularidades nas adxudicacións a Aquagest
Pilar de Lara. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Pilar de Lara. VICTORIA RODRÍGUEZ

A xuíza Pilar de Lara acaba de realizar un novo intento de desfacerse dunha das pezas máis avultadas da operación Pokemon, a que se refire ás actividades supostamente irregulares da principal concesionaria de servizos de abastecemento de auga de toda España, Aquagest. A solución, tendo en conta que a Audiencia Nacional se negou a asumila co apoio do Tribunal Supremo, foi dividila en múltiples pezas e anunciar o envío de cada unha delas aos xulgados de instrución dos lugares nos que se cometeron as presuntas ilegalidades: en total, son vinte repartidos por toda a xeografía española, desde as catro provincias galegas ata Cartaxena, pasando por Oviedo, Lorca, Murcia, Alacante, Elda ou Benidorm.

Nun extenso auto, a maxistrada asume algunhas das peticións tanto da Fiscalía como de moitas das defensas dos múltiples imputados, así como as resolucións tanto do Supremo como da Audiencia Provincial, no sentido de que dividise as actuacións ao considerar que o seu xulgado non era o competente para instruír todo como causa conxunta. No mesmo, indica que na capital lucense iniciouse a investigación pola "posible conivencia" dun exconcelleiro e un dos "conseguidores" da empresa, "pero non se apreciou finalmente conduta delituosa algunha".

Os xulgados de Chantada recibirán unha parte e os de Mondoñedo verán a de Ribadeo

Deste xeito, os únicos flocos xudiciais desta descomunal peza de investigación que afectaría a Lugo son catro expedientes de adxudicación de servizos en Chantada, que será enviado ao xulgado chantadino para que decida se segue o proceso, e 16 contratos en Ribadeo, sobre os que deberá decidir o xulgado de Mondoñedo.

Da mesma xeito actúa co resto de investigacións, que irán parar a outros once xulgados galegos e sete do resto de España. No seu auto, Pilar de Lara aproveita para facer un resumo de todas as investigacións e vicisitudes procesuais que viviu esta peza, desenvolvida dentro da operación Pokemon, sobre as posibles irregularidades de políticos e funcionarios de decenas de institucións á hora de adxudicar contratos a diversas empresas, neste caso Aquagest, do poderoso Grupo Agbar.

ABRELATAS. Segundo ela, os responsables deste armazón, "seguindo o que parece constituír unha política empresarial absolutamente xerarquizada, para lograr adxudicacións públicas realizarían supostamente subornos nas súas distintas modalidades (entregas de diñeiro, viaxes, agasallos, contratación de traballadores...) que teñen como destino satisfacer os traballos realizados por aqueles funcionarios que ben directa ou indirectamente realizaron actos para favorecer á súa empresa". Para iso, "e coa finalidade de poder achegarse aos políticos e autoridades con potestade decisoria" Aquagest conta con colaboradores aos que denomina "conseguidores" ou "abrelatas", recrutados especialmente entre membros de partidos políticos e con contactos nas administracións.

As pezas serán enviadas a 13 xulgados de Galicia e outros sete en Oviedo, Cartaxena, Lorca, Murcia, Alacante, Benidorm e Elda

En función destas sospeitas, polo xulgado de Instrución 1 de Lugo pasaron en calidade de imputados ou de testemuñas decenas de alcaldes, concelleiros, funcionarios e empresarios de concellos e entes públicos de media España.

Entre os agasallos que a xuíza detalla no seu auto como "retribución" para políticos e funcionarios atópanse "custosas viaxes, non só dentro de España, en balnearios e hoteis de luxo, senón tamén afrontando gastos de desprazamento e aloxamento no estranxeiro (viaxes a EE.UU, Croacia ou Alemaña)".

Segundo as conclusións que extrae do investigado por ela nos máis de sete anos que leva de instrución, "os directivos de Aquagest urdiron un plan organizado e preconcibido destinado a saltarse as barreiras legais nos procesos de contratación pública". Para iso incluso financiarían de xeito ilícito a PP e PSOE. Agora serán 20 xuíces os que deberán corroborar ou non esas conclusións.

Comentarios