De Lara esgotará "todas as vías" contra a sanción do CGPJ

Recorrerá o fallo do Supremo que apoia a amoestación
Pilar de Lara. SEBAS SENANDE
photo_camera Pilar de Lara. SEBAS SENANDE

A xuíza Pilar de Lara, apartada do xulgado de instrución número 1 de Lugo tras unha sanción do Consello Xeral do Poder Xudicial, esgotará "todas as vías" para revogar esa amoestación, despois de que fose rexeitado o recurso que presentou contra esa decisión ante o Tribunal Supremo

En declaracións a Efe, o avogado que a representa, Agustín Azparren, dixo que á hora de presentar un recurso sempre se conserva "certa esperanza" de que che dean "a razón", pero no caso do Supremo, ao revisar a "estatística", percíbese que "case nunca" revoga as decisións do Consello Xeral do Poder Xudicial "en materia disciplinaria". No seu caso responde ao que o CGPJ considerou graves irregularidades na instrución das macrocausas que abriu cando estaba en Lugo.

O avogado aclarou que Pilar de Lara "xa cumpriu a súa sanción", pola que foi suspendida sete meses e un día, e que está noutro destino, en Ponferrada, pero está disposta a esgotar "todas as vías" porque considera que "ten razón". Por iso, recorrerá ao Tribunal Constitucional, dixo o letrado, e se non hai máis remedio "ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos"

A xuíza De Lara foi a instrutora de operacións tan mediáticas como a Carioca, a Pulpo, a Pokemon ou o coñecido como caso Garañón. A sanción do CGPJ respondía a unha xestión "desordenada e pouco rigorosa" da xuíza entre xuño de 2015 e outubro de 2018. 

O escrito do TS sinala que "a levanza xeral dos asuntos no xulgado non alcanzaba os criterios mínimos de atención necesaria para o exercicio da función xurisdicional e a propia situación do xulgado era de xeito evidente consecuencia da forma desatenta e pouco coidadosa de atender as causas pendentes".

Comentarios