lunes. 27.01.2020 |
El tiempo
lunes. 27.01.2020
El tiempo

A lámpada que che fala ao oído

Ignacio y Manuel Martínez, gerentes, flanquean a José Carlos Martínez, director de Nuevas Tecnologías. EP
Ignacio y Manuel Martínez, gerentes, flanquean a José Carlos Martínez, director de Nuevas Tecnologías. EP
O Grupo Martínez arrasa en internet cunha luz varanda coa imaxe dun anxo da garda que reproduce mensaxes e historias contadas por seres queridos aos nenos

Hai un anxo da garda lucense que se está coando en habitacións infantís de medio mundo. Esta lámpada, cuxa patente é do Grupo Martínez, está a arrasar en internet onde á empresa lucense chóvenlle os encargos especialmente para Uruguai, México, Estados Unidos e Brasil. A particularidade desta luz de acompañamento nocturno é que pode reproducir mensaxes personalizadas, cancións ou contos de calquera persoa próxima ao neno que non viva baixo o seu mesmo teito como pode ser, por exemplo, o caso dos avós. Trátase, ademais, de mensaxes que sobreviven no tempo dado que permanecen na lámpada e poderán ser reproducidos sempre que o necesite o neno, aínda que este creza e os avós xa non estean.

"Esta lampariña é algo máis que unha simple luz varanda porque permite reproducir contos, oracións, cancións, dedicatorias ou un simple boas noites gravados coas voces dos seus seres queridos. De feito, as que estamos a vender adoitan ir cargadas de mensaxes, especialmente dos avós, que nos envían a través da nosa páxina web, lamparaangeldelaguarda.com e que nós incorporamos", explica Ignacio Martínez Pérez-Batallón, xerente do grupo empresarial.

Esta luz leva a mesma marca que os lampadarios eléctricos, patentados por estes mesmos empresarios lucenses hai anos baixo o nome de Ángel de la Guarda.

"Moita xente cre no Anxo da Garda como protector dos nenos. Por iso, decidimos manter a mesma marca dos lampadarios neste novo proxecto", indica o xerente do grupo empresarial lucense.

Outra función que cumpre esta lámpada é a de inculcar valores a través dunha aplicación, Light Angel, que os pais poden descargar e onde hai un amplo abanico de contos centrados en como abordar distintas problemáticas como a violencia de xénero, o cancro, o acoso, o racismo ou trastornos como o autismo.

"A lámpada ten un altofalante bluetooth, o que permite que os pais poidan descargar contos ou cancións da aplicación desde outras habitacións. Tamén dispón dun porto USB e dunha tarxeta de memoria, onde se gardan as mensaxes ou contos", asegura Ignacio Martínez.

COMERCIALIZACIÓN. O material da aplicación está sete idiomas, entre o que se inclúe o galego. Creada en Lugo, o Grupo Martínez ten a exclusividade mundial para a súa venda. Para poder exportar fóra do mercado europeo, o grupo empresarial lucense tivo que sacar patentes, tanto dos lampadarios como da lámpada, en cada un dos países onde está a exportar este particular Anxo da Garda.

Os plans de expansión máis inmediatos céntranse agora en Panamá, Colombia, Perú, Bolivia e Arxentina, países onde se están realizando sondaxes a través de Instagram e onde se detecta un amplo mercado.

A lámpada estase comercializando unicamente por internet a un prezo de 35,50 euros. O dispositivo funciona con batería, polo que recárgase como calquera teléfono móbil. De cara ás próximas festas do Nadal, o Grupo Martínez pensa sacar unha edición especial con empaquetado exclusivo e contidos específicos relacionados coas datas.

LAMPADARIOS. Martínez é actualmente un dos grupos de empresas con maiores vendas a nivel internacional e no que a artigos relixiosos refírese. Ademais, este grupo empresarial lucense foi o primeiro en rexistrar a patente dos lampadarios eléctrónicos, fai uns vinte anos.

Máis recentemente, en 2016, lanzou ao mercado o lampadario Anxo da Garda, do que xa vendeu máis de 20.000 exemplares en todo o mundo, principalmente en Sudamérica.

A lámpada que che fala ao oído
Comentarios