jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

O Laboratorio de Sanidade Vexetal dobrará no verán o persoal que tiña o Cetal

Investigadoras do Cetal traballan nun dos laboratorios do centro situado en Sanfiz. ARQUIVO
Investigadoras do Cetal traballan nun dos laboratorios do centro situado en Sanfiz. ARQUIVO
Substituirá o actual centro tecnolóxico, cuxa disolución se formalizou este mércores, e contratará 10 profesionais

O Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, que entrará en funcionamento en substitución do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), non só manterá o persoal co que conta este centro de referencia nacional, senón que duplicará o seu número coa posta en marcha deste novo laboratorio investigador do sector agroalimentario no verán do 2021, como anunciou este mércores o que será o último presidente do padroado do Cetal, Javier Bueno

"O Ministerio de Agricultura baralla reforzar o actual persoal de 10 investigadores ata chegar a unha cifra de 20, e iso só durante os primeiros meses de implantación deste centro". 

O organismo público planea abrir dous laboratorios nun primeiro momento, dos seis que se implantarán de forma permanente nas instalacións do Cetal, segundo explica Bueno. 

"Na actualidade o Ministerio de Agricultura ten externalizados estudos en media ducia de laboratorios entre Madrid e Valencia dedicados en exclusiva á sanidade vexetal debido ao aumento de pragas e á demanda neste sector. Desta forma pasarían todos eles ao edificio do Cetal". 

Así as cousas, está previsto que se centralice en Lugo a actividade dos laboratorios de Micoloxía e Virus non leñosas, ambos da Universidade Politécnica de Valencia; Bacteriología e Virus leñosas, do Instituto Valenciano de Investigacións Agrarias nos dous casos; o de Nematodos, agora mesmo no CSIC de Madrid, e o de Artrópodos, que pertence á Universidade Politécnica de Madrid. 

Mentres que o posible destino das dotacións do Cetal, ata agora centradas exclusivamente no sector lácteo, vanse a reaproveitar noutras instalacións gobernamentais. 

Pola súa banda, Javier Bueno deixará a presidencia do Cetal "en canto o Ministerio de Agricultura designe un funcionario público" para ocupar este cargo de relevancia, como confirmou o propio director actual. 

DISOLUCIÓN. O subsecretario de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Álvarez-Ossorio, presidiu este mércores a reunión do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), integrada, ademais pola Xunta de Galicia, o Concello de Lugo, as universidades galegas e o sector lácteo da comunidade galega. 

Nesta reunión adoptáronse os acordos necesarios para formalizar a disolución da fundación deste centro situado no barrio de Sanfiz. 

Coa posta en marcha do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, a provincia de Lugo disporá dun centro de diagnóstico de excelencia na materia que co tempo ampliará as súas liñas de traballo iniciais para converterse nunha referencia non só nacional, senón de nivel europeo. 

Está previsto que o laboratorio dea un servizo integral nos campos de bioloxía molecular, técnicas inmunoenzimáticas, microbioloxía e entomoloxía co cal, sen dúbida, necesitará novos equipos, tanto humanos como materiais.

Trece anos de labor investigador 
A Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) foi creada no ano 2007 co obxectivo de promover o desenvolvemento tecnolóxico do sector agroalimentario e mellorar a competitividade dos seus produtos e a innovación neste sector fundamental da economía española. 

Referencia nacional 
O Cetal tivo o seu maior protagonismo ao final como laboratorio nacional na loita "contra os patóxenos de orixe vexetal", segundo apunta o seu presidente Javier Bueno. Once autonomías designaron o Cetal como laboratorio oficial, pero nunca despegou o nivel das expectativas prometidas.

O Laboratorio de Sanidade Vexetal dobrará no verán o persoal que...
comentarios