O laboratorio lucense AMSlab e a USC traballan para desarollar un test de covid de baixo custo e de uso sinxelo

As dúas entidades forman parte dun consorcio galego que investiga sistemas de detección deste virus baseados en PCR e nanotecnoloxía con apoio da Xunta e de fondos europeos 
Chips

O laboratorio lucense AMSlab forma parte dun consorcio galego que leva a cabo un proxecto para desenvolver un dispositivo de detección de covid-19, baseado en PCR e nanotecnoloxía, de baixo custo e de uso sinxelo e que tería gran potencial de uso en centros de atención primaria, asistenciais e residencias. Ademais, o obxectivo é que sexa facilmente adaptable, para poder aumentar a capacidade diagnóstica en futuras pandemias ou enfermidades de diagnóstico común.

O sistema está baseado en técnicas moleculares e integra a nanotecnoloxía e microfluídica. Ofrece un resultado en poucos minutos, sen necesidade de enviar a mostra a un laboratorio. "É unha tecnoloxía similar á dos sistemas domésticos para controlar a glicosa que empregan os diabéticos nos seus domicilios ou aos aparellos utilizados para medir o índice de coagulación do sangue, sen necesidade de facer unha extracción en vea, das persoas que están medicadas con Sintrom", explican os responsables. 

É unha tecnoloxía similar á dos sistemas domésticos para controlar a glicosa que empregan os diabéticos ou aos aparatos utilizados para medir o índice de coagulación do sangue

O proxecto, denominado Nanofluidetec, está baseado en desenvolvementos científicos anteriores e actuais do consorcio para obter un sistema que permita a detección do material xenético do SARS-COV-2 en individuos sospeitosos de Covid-19, "de modo que se pretende miniaturizar, automatizar e simplificar o proceso de extracción do virus", explican os promotores do proxecto.

A iniciativa está impulsada por tres compañías galegas e un centro público de investigación: AMSlab, laboratorio lucense líder en control de calidade de diferentes sectores e especialista no desenvolvemento de métodos analíticos innovadores; AMSbiopharma, que ofrece solucións analíticas a compañías da industria química, farmacéutica e biofarmacéutica con sede en Lugo e pertencente ao grupo AMSlab, e BFlow, situada en Santiago de Compostela e especializada en solucións integrais de microfluídica e chips para a industria biotech. Tamén está o campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, a través da unidade de investigación de Fluorescencia de Moléculas Individuais, un equipo multidisciplinar que colabora desde o ano 2015 no desenvolvemento de dous kits de experimentación do grupo de innovación docente Xuvenciencia.

O proxecto Nanofluidetec está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), financiado con cargo aos Fondos FEDER e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación. O proxecto está financiado a través do programa Conecta Covid 2021, no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

Comentarios