A tempada de pesca empeza baixo o frío

Escasas e pequenas capturas nunha primeira xornada que encheu de pescadores os ríos

A tempada de pesca comezou este domingo cunha primeira xornada na que miles de galegos lanzáronse aos diferentes ríos da comunidade. Con todo, o tempo non foi este domingo o mellor aliado e supuxo todo un condicionante para os pescadores.

O día estivo marcado polo frío e tamén, nalgunhas zonas concretas, polos refachos de vento. Noutras zonas, a claridade tampouco axudou, porque as troitas apenas se deixaron ver.

Nese ambiente, as capturas non foron as esperadas por unha ecuación máis ben sinxela; a auga estaba especialmente fría, o que provoca que as troitas queden nas zonas máis baixas da canle dos ríos e apenas se acheguen á superficie.

Aínda así, rexistráronse algunhas boas capturas. En Monforte, falaban duns pescadores que "sacaron unha carpa duns seis quilos"; nas redes sociais gabábanse dalgunha troita de catro quilos. Pero "foi algo excepcional", coincidiron todos, porque o normal foron capturas menos espectaculares.

Pero é só o primeiro día. A tempada da troita péchase o 31 de xullo (dous meses despois en cotos de pesca sen morte) e a do salmón abre o 1 de maio.