A Muralla, republicana

Esquerda Unida ilumina o monumento coas cores da bandeira republicana pola celebración do 14 de abril
Esquerda Unida ilumina la Muralla de Lugo con los colores republicanos
photo_camera Esquerda Unida ilumina la Muralla de Lugo con los colores republicanos

A agrupación comarcal de Esquerda Unida en Lugo iluminou a medianoite do xoves ao venres a Muralla romana da cidade coas cores da bandeira republicana con motivo da conmemoración da proclamación da II República.

O lema escollido este ano por Esquerda Unida para a celebración do 14 de abril é "a República quere saír das pedras e vivir na acción política cotiá". "Con el queremos manifestar que a II República non debe recluírse nunha memoria pétrea e sacralizada, senón que rememorala debe significar o recoñecemento da vixencia dos seus valores e experiencias no traballo político que fagamos a diario", sostén nun comunicado Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de Esquerda Unida.

En Lavacolla, núcleo de poboación pertencente á parroquia de Sabugueira, en Santiago de Compostela, o exdeputado de Age e membro da Executiva de Esquerda Unida, Xabier Ron, participou nun acto en recordo dos represaliados da II República. Posteriormente, Ron deu lectura, na Alameda compostelá, a un manifesto.

Por outra banda, o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, afirmou nun comunicado que "o fin último que trae consigo a República é a consecución dunha cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando este se exerce de costas a ela".

Comentarios