A multinacional E.Leclerc busca a 75 traballadores para o seu novo centro

Abrirá un novo hipermercado no Centro Comercial Abella e os interesados en presentarse ao proceso de selección deberán entregar os seus CV este xoves día 12 na Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL

A multinacional francesa E.Leclerc iniciará esta semana o proceso de selección para cubrir os 75 postos de traballo directos que creará no novo hipermercado que abrirá proximamente na cidade de Lugo, no centro comercial de Abella.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) confirmou que este xoves –día 12 de marzo– recolleranse nas instalacións da súa Escola de Empresarios e Centro de Formación os currículos dos interesados en participar no proceso de selección de persoal que realizará E.Leclerc. De feito, a patronal precisa que, para facilitar o tratamento de datos, unicamente incorporaranse ao proceso de selección os currículos recibidos en man nesa data.

A CEL tamén indica que "os perfís que se demandan son os de caixeiras, vendedores de non alimentación, profesionais para produtos frescos, persoal para reposición e xefes de sección".

O novo hipermercado do grupo E.Leclerc estará situado dentro do Centro Comercial Abella, cunhas instalacións que ocuparán uns 3.750 metros cadrados dedicados á venda de produtos frescos, alimentación, líquidos, téxtil, bazar, electrónica, imaxe e son, librería, electrodomésticos e enxoval.

Comentarios