O 24-M apraza en Lugo o orzamento participativo

O PP celebra un suposto tirón de orellas da xunta electoral, mentres que o PSOE asegura que foi o goberno local o que tomou a decisión tras consultar á Xustiza

Os orzamentos participativos do Concello de Lugo quedarán paralizados ata logo das eleccións municipais do 24 de maio. O PSOE, gobernante en minoría, e o PP informaron de tal noticia este martes, pero cada un de forma diferente. Así, os populares aseguran que a xunta electoral de zona (XEZ) obrigou a paralizalos, mentres que o PSOE sostivo que foi o goberno local o que decidiu aprazalos previa consulta coa XEZ.

Segundo informou Efe, o coordinador de campaña do Partido Popular, Antonio Ameijide, foi o primeiro en informar e aproveitou para afirmar que esta resolución vén ratificar "o electoralismo" dos orzamentos participativos expostos polo goberno local.

A proposta de orzamentos participativos exposta polo goberno municipal contempla o investimento de 500.000 euros en proxectos que os propios cidadáns deberían elixir, mediante votación, e unha vez que os técnicos do Concello de Lugo ratificasen a súa validez e legalidade. Estas votacións terían que desenvolverse estes días

Ameijide asegurou que López Orozco pretendía facer cos orzamentos participativos "exactamente o mesmo que fixo en 2011 co programa Lugo10 -deseñado para promocionar o décimo aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade-", que non foi outra cousa "que facer campaña electoral" con fondos públicos. Agora pretendía "facer exactamente o mesmo" para "comprar vontades a uns días das eleccións".

A versión do goberno local, dada a coñecer pola tarde, non recoñece tal tirón de orellas, senón todo o contrario. Segundo o PSOE, a concellaría de desenvolvemento local, que dirixe Rosana Rielo, foi a que consultou á XEZ "con obxecto de evitar que a posta en marcha da segunda fase dos orzamentos participativos puidese supor calquera interferencia no período electoral". O goberno local considera que esta segunda fase tiña que realizarse "con suficiente publicidade", tanto a través dos medios informativos como da web municipal, e iso foi o que, segundo a nota do Concello, consultouse á XEZ.

O goberno local asegura que, desta forma, as votacións dos proxectos quedarán aprazadas para despois do 24 de maio.

Comentarios