Taboada asegura que incoou expedientes contra a secretaria despois de cometer faltas "graves"

Os avogados que defenden ao alcalde de Palas e ao seu antecesor aseguran que pedirán a "libre absolución" no xuízo no que están acusados de prevaricación e acoso laboral
Sala del juicio
photo_camera Sala del juicio

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, sinalou no xuízo contra el e o exrexedor Fernando Pensado por prevaricación e acoso laboral que en ningún momento quixo prexudicar á secretaria e que incoou varios expedientes disciplinarios porque ela cometeu faltas "graves" e "eu tiña que defender os intereses do Concello", declarou.

Pensado dixo que nunca observou ningún trato degradante cara á secretaria, "e ademais non o consentiría", engadiu. Ambos aseguraron que a relación persoal con Celia González era "cordial" e negaron calquera presión ou ameaza cara a ela.

DEFENSA. Os avogados que se fixeron cargo da defensa do actual alcalde de Palas de Rei e do seu antecesor, Pablo Taboada e Fernando Pensado, respectivamente, confirmaron este martes, antes de que comezase o xuízo contra eles por prevaricación e acoso laboral na Audiencia Provincial de Lugo, que pedirán "a libre absolución", ademais de engadir que ven na querela da secretaria motivacións "políticas".

Ambos os mandatarios sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial, xunto con outras nove persoas -entre concelleiras e funcionarios-, para responder polos supostos delitos de prevaricación e acoso no traballo, por mor da denuncia que interpuxo contra eles a propia secretaria.

Aínda que ningún quixo facer declaracións antes do xuízo, máis aló de manifestar que afrontan o proceso con "tranquilidade", si atenderon aos medios José Ramón Sierra, avogado de Pablo Taboada, e Juan Carlos Fernández López-Abad, representante legal de Fernando Pensado. "Estamos aquí para explicar a verdade do sucedido e a falsidade das acusacións, moi graves, dado o carácter político que, cremos, teñen a maioría das afirmacións da acusación particular", dixo Sierra.

Asegurou que os integrantes da defensa están "ansiosos" por "limpar dalgún xeito" a "imaxe, a dignidade e a honra" dos acusados, que estiveron "estigmatizados e manchados" por "esta acusación despois de tantos anos".

A pesar de que a secretaria municipal afirmou ás portas da Audiencia Provincial que gañara ao longo deste proceso dezanove contenciosos, José Ramón Sierra dixo que "conta mal". "Polo menos o último perdeuno e recorreuno á Sala de Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional", precisou.

"Con respecto aos expedientes disciplinarios, hai catro. Tres dos expedientes din que "as faltas existiron" pola súa banda, aínda que "prescribiran ou había un erro na cualificación", mentres que o "cuarto do expediente confirma que non prescribiron e que son graves", precisou o letrado, quen se preguntaba "a que outros quince expedientes se refire" a propia secretaria, "disciplinarios desde logo que non".

En canto á posible motivación política deste proceso, subliñou que "é moi curioso que esta querela se interpoña unha semana antes das eleccións, curiosísimo". Desde o seu punto de vista, "non hai outro remedio que pedir a libre absolución".

Na mesma liña expresouse o avogado que representa a Fernando Pensado, quen opina que é un caso de "absolución como unha catedral", porque "non existe ningunha proba que nos leve a unha condena nun procedemento penal". "Todo o máis, pode haber algún tipo de irregularidades como os hai en todos os concellos, pero serían susceptibles da fiscalización por outros órganos xurisdiccionais, como o contencioso-administrativo, que para iso está", precisou Fernández López-Abad.

Ambos os letrados recordaron que o propio Tribunal de Contas pronunciouse para aclarar que "non houbo ningún tipo apaño", nin "malversación ou quebranto para a facenda pública". "É moi rechamante que o ministerio fiscal considere que non hai fraude en subvencións nin malversación de caudais públicos e a acusación particular si", engadiu Sierra.

Comentarios