Kiko Rivera será a estrela da Festa da Xuventude que prepara Coeses

Esta primeira edición da festa na parroquia lucense celebrarase o 27 de setembro e unirá música e churrasco
Kiko Rivera. EP
photo_camera Kiko Rivera. EP

O DJ Kiko Rivera será a cabeza de cartel da primeira edición da Festa da Xuventude da parroquia de Coeses, segundo confirmou a organización do evento, que se celebrará o próximo 27 de setembro.

Pero non será o único artista que participará na festa de Coeses. A organización tamén confirmou a presenza do DJ estradense Marcos Magán, que acompañará ao fillo da tonadilleira Isabel Pantoja.

Os asistentes non só poderán bailar coa música en directo de dous recoñecidos DJ; tamén poderán gozar dunha gran churrascada. Tan só teñen que entrar na páxina de Facebook do evento -1ª Festa da Xuventude de Coeses- e facerse cunha camiseta conmemorativa das festas.

KIKO RIVERA EN LUGO. Non é a primeira vez que Kiko Rivera -artífice dalgúns éxitos como Quítate el top, Dale, Sangre Caliente, Mentirosa ou Choka Choka- actúa na provincia lucense. A principios deste mes, sen ir máis lonxe, foi un dos pratos fortes das festas de Escairón, xunto coa gaditana Merche.

Máis aló das fronteiras lucenses, Kiko Rivera tamén actuou este ano en Galicia. En xuño participou nas festas do barrio de San Xoán, en Ferrol.

Aínda non está confirmado o diñeiro que a organización da Festa da Xuventude de Coeses investiu na contratación do DJ sevillano. No entanto, segundo o alcalde de Escairón, Juan Carlos Armesto, a contratación do artista sevillano para as súas festas fai menos dun mes roldou os 8.000 euros.

Comentarios