Juanatey ve "moi importante" as 24 horas de hemodinámica para "completar a atención"

O xefe de Cardiología do Hula apunta que dos 170 infartos anuais en Lugo, un 25% prodúcese pola noite

Carlos González Juanatey. AEP
photo_camera Carlos González Juanatey. AEP

O xefe de Cardiología do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), Juan Carlos González Juanatey, considera "moi importante" estender o horario do servizo de Hemodinámica para "completar a atención" na área sanitaria.

Juanatey calculou que "un 25" por cento dos 170 infartos, máis de 40, que atenden na provincia ao ano prodúcense durante a noite. Agora poderanse tratar todos no Hula a partir do 18 de febreiro, data en que se estende o servizo de Hemodinámica ás 24 horas, xa que ata entón está activo de 8,00 a 22,00 horas.

"Estabamos a esperar que se puidese converter nunha realidade e, a partir do 18 de febreiro, imos poder telo activo", valorou tras o anuncio que realizaba a pasada semana o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Juanatey, que defendeu a necesidade de ampliar o horario, estimou que se van "a mover ao redor de 170 pacientes ao ano, isto está a ser así os últimos anos".

"É o número de infartos que atendemos ao ano. Un 25 por cento chegan pola noite, entón co servizo ampliado vainos a permitir atender a eses pacientes e facer unha anglioplastia primaria cuns tempos moi bos, recortando os tempos desde o diagnóstico á apertura da arteria que serán menos de 90 minutos", celebrou.

EQUIPO

En canto ao persoal, o cardiólogo lucense acreditou que co actual equipo será suficiente. "Nós temos unha estrutura asistencial para atender a todos os pacientes", aseverou.

Dito equipo fórmanos, explicou, "tres hemodinamistas e un grupo de enfermería, que van a cada un dos casos cando se mobilizan, de tal forma que un hemodinamista e dous enfermeiros son os que atenden estes casos".

"Con tres hemodinamistas estamos a cubrir as gardas, esperamos poder dar resposta para cubrir as 24 horas ao día e os 365 días ao ano", concluíu. 

Comentarios