José Tomé Roca: "Facer novas residencias de maiores correspóndelle á Xunta"

O terceiro presidente socialista da Deputación de Lugo en democracia asume o cargo coa idea de mudar a imaxe dada no último mandato, tendo claro que a institución debe fuxir de competencias impropias. Ademais, descarta ampliar a rede de residencias de maiores
_SEN8543
photo_camera José Tomé, onte no balcón do despacho presidencial da Deputación. SEBAS SENANDE

José Tomé Roca (Guitiriz, 1958) estreaba o xoves o despacho presidencial do Pazo de San Marcos que vai compartir nos vindeiros catro anos co da alcaldía de Monforte, onde vén de acadar maioría absoluta e case duplicar o número de concelleiros, ao pasar de 6 a 11. Non ve problema no reto de compatibilizar ambos cargos, porque asume que terá bos equipos ao seu carón. Tamén cre que vai ser fácil a relación cos socios de goberno nacionalistas e di que non haberá problema para que presidente e vicepresidenta estean á vez nun mesmo acto.

A súa carreira política é a propia dun corredor de fondo. Concelleiro desde 2003, logo deputado autonómico ata 2011, alcalde desde 2015 e agora presidente da Deputación. Como xorde a idea de optar a este novo cargo?

Eu nunca mo propuxen. Esta foi unha idea que xurdiu de compañeiros doutros concellos que me animaron a que dera o paso. Inicialmente mostrei agradecemento, pero a medida que se foi intensificando, púxenme a disposición do partido. Pouco despois das eleccións municipais e á vista duns resultados excepcionais en Monforte, pois foi a primeira vez que se sacou unha maioría desa envergadura, púxenme a disposición do partido;  que soubesen que estaba dispoñible e, se vían que encaixaba no perfil que se buscaba para presidir a Deputación, díxenlles que estaba aí e que os órganos do partido decidiran, que son os que teñen que escoller, no PSOE e en todos os partidos.

Por que era necesario para o PSOE cambiar o candidato a presidir a Deputación?

Creo que había a idea de que despois dunha etapa onde a Deputación foi noticia por moitas cousas menos polas que institucionalmente debía ser, e non lle dou a culpa a ninguén do anterior equipo disto porque foron circunstancias que se deron, había que normalizar a vida institucional desde un punto de vista máis tranquilo, máis relaxado, cun goberno que centre os esforzos na acción política en vez de explicar por que pasan certas cousas. A idea era normalizar a vida da institución.

Que foi o que máis lle chirriou daquela etapa?

Non me gusta personalizar. Creo que foi un conxunto de sucesos e que non foi a mellor imaxe que puidemos dar e, polo tanto, o que había que facer era empezar un pouco de cero. Isto non debera ter ocurrido e seguramente haberá persoas que non terán culpa do que sucedeu, pero sucedeu e por iso imos empezar unha etapa con novos actores e tratar de que a institución sexa valorada polo que é e sexa útil para todos os lucenses.

Cambio na presidencia
"Había que normalizar a vida institucional na Deputación desde un punto de vista máis tranquilo, máis relaxado"

Ten experiencia de cogoberno co BNG como tenente de alcalde e como rexedor. Axudou isto ao acordo que acaban de acadar?

Cada acordo é singular e non ten nada que ver un co outro, pero creo que tiñamos a obriga logo dos resultados das eleccións do 26 de maio de poñernos de acordo o PSOE e o BNG. Había unha maioría de deputados de esquerda e... ou deixabamos gobernar á dereita ou acadábamos un acordo. En beneficio de que? Pois da provincia. Non entendo a política se non é para iso. De feito houbo momentos nos que entendín sendo deputado no Parlamento que a miña función política estaba moito máis no Concello de Monforte que no Parlamento e deixei o Parlamento. Entendo a vida pública coma un servizo e, se algo creo que é beneficioso para os cidadáns, pois loito por elo e se non adícome a outras cousas. Creo que é un bo acordo que vai permitir visualizar aos dous partidos e que espero que sexa beneficioso para a sociedade lucense.

A primeira vista semella un bo pacto para o PSOE, que mantén as principais áreas da Deputación?

Bueno tamén o socio leva áreas moi visibles: cultura, deportes, medio rural e mar... que poden dar moito xogo. É certo que o grupo maioritario ten que levar áreas visibles dado que, dos trece deputados, dez son do PSOE e tres do BNG. Representamos un 77% fronte a un 23% do BNG e por isolevamos máis áreas para que se visibilice iso.

Vai haber un goberno diferenciado entre PSOE e BNG ou será un goberno de cooperación?

Eu aspiro a que sexa un goberno. Un goberno serio, forte, estable, que dea esa imaxe e que as pelexas sexan para dar un bo servizo ao cidadán e non por outros temas. Entendendo as pelexas polo debate que se poida producir, que sexan polas políticas que poidamos levar e non debates de gastarnos en temas internos. Queremos que os compañeiros socios do goberno estean dentro das áreas do PSOE e ao revés. Se eu un día vou a un acto, comigo pode estar perfectamente a vicepresidenta ou calquera outro deputado ou ao revés.

Compatibilidade
"Se Chirac foi capaz de ser primeiro ministro e alcalde de París eu podo ser alcalde e presidente"

Como pensa dirixir á vez a segunda cidade de Lugo e a Deputación?

Pois organizándome ben. Eu sempre digo de broma que se Jacques Chirac foi capaz de ser alcalde de París e primeiro ministro de Francia, eu podo ser alcalde de Monforte e presidente da Deputación. Penso adicar un par de días ao Concello de Monforte e outros dous ou tres á Deputación e con isa adicación creo que podemos cubrir as dúas administracións porque nos dous sitios teño un moi bo equipo que vai levar a tarefa diaria e a min o que me toca écoordinalos en tema decisivos.

Está xa decidido quen vai ser voceiro ou voceira socialista e quen se vai encargar das diferentes áreas?

Teño na miña cabeza estruturado o equipo pero non quero adiantalo antes de falalo cos compañeiros e diremos nos vindeiros días quenvai levar que cousas.

Agora que vai facer a miúdo o corredor Monforte-Lugo, vai pedir que se priorice o desdobramento?

Sen dúbida, e ademais é moi necesario nese corredor, que polo que sexa ten moitas carencias e hai moitos accidentes. Hai que desdobralo canto antes e sobre todo no tramo máis urxente que é SarriaNadela, para que os cidadáns circulen con seguridade e ademais para que sexa atractivo porque hoxe as comunicacións son moi importantes para ter unha interrelación económica máis activa.

Van seguir buscando consenso co PP para aprobar orzamentos como fixo o anterior goberno ou xa lles abonda cos votos de PSOE e BNG?

Eu creo que o consenso hai que buscalo sempre, pero tentar consensuar é cousa de dous ou de tres, e se iso se produce estupendo pero, se non, quen goberna ten unha responsabilidade, que é tratar de sacar adiante en tempo e forma aquelas cuestións que son fundamentais e unha delas son os orzamentos. Se vostede se fixa, no Concello de Monforte nos catro anos levei a pleno en novembro sempre os orzamentos, saíran ou non. Na Deputación espero facer exactamente o mesmo, porque os orzamentos son útiles se ti os podes desenvolver ao longo de toda a anualidade. Se se presentan a metade de ano non son funcionais, porque logo non che da tempo a aplicalos, non serven para nada, só no papel, pero non serven para os cidadáns. Por iso imos presentar en tempo e forma os orzamentos e, se son consensuados coa oposición, mellor, e se non, a nós tócanos a responsabilidade de levalos a pleno e aprobalos se é posible coa maioría que temos.

Foi equitativo o reparto feito no plan único? Haberá cambios?

O plan único foi un paso adiante e ímolo manter, pero iso non quere dicir que non se retoque e que haxa cuestións a reformular. O plan único pon ademais en evidencia á Xunta de Galicia, porque pode ser mellor ou peor nos criterios de reparto, pero a Xunta non ten criterios obxectivos para repartir os fondos que adica aos concellos. Xeralmente faino en función de quen goberna en cada concello e eu seino ben porque goberno un concello. O plan único está aí e ímolo manter, pero ademais na medida en que o permitan os orzamentos da Deputación e o adelgazamento das competencias que queremos levar a cabo con respecto a competencias impropias, iso vai permitir folgura de cara ao plan. Por iso tamén imos pedirlle á Xunta que, se nós facemos o reparto por concellos en base a criterios obxectivos, vostedes tamén.

Fala de adelgazamento de competencias da Deputación. É unha petición do BNG ou están dacordo?

Non foi a petición de ninguén porque coincidimos, porque hai algunhas estradas da rede provincial, que é a máis extensa de España, que creo que son claramente autonómicas e haberá que dicirllo á Xunta. E logo estamos exercendo competencias que posiblemente foi obrigado nalgún momento por unha necesidade para dar servizos a concellos pequenos onde non había prazas para a terceira idade, e por iso temos residencias. Pero iso claramente é unha competencia da administración autonómica, que é quen ten a competencia das residencias da terceira idade públicas. Polo tanto nós estamos dispostos a colaborar na medida do posible, pero imos dicirlle á Xunta que iso debe asumilo e a ver se somos capaces de que sexa sensible a isto e, se non é esta Xunta, que sexa a seguinte. Pretendemos adelgazar a Deputación para que esos fondos poidamos adicalos aos concellos para que teñan mellores servizos e de máis calidade.

Xestión
"Imos presentar os orzamentos en tempo e forma e, se son consensuados coa oposición, mellor"

Plan único
"Imos pedirlle á Xunta que, se nós facemos o repoarto por concellos en base a criterios obxectivos, vostedes tamén"

Primarias do PSOE
"Eu non quero condicionar nada o voto dos militantes. Gañe quen gañe, vou apoialo"

Supón logo isto que van renunciar a seguir facendo as residencias de maiores previstas?

Nós no acordo decidimos estudar nun periodo de seis meses en que residencias hai un compromiso firme e eu son partidario de manter os compromisos, pero o que non podemos é seguir estendendo a rede e ao mellor temos que demandar á Xunta que aplique as súas competencias e faga os seus deberes. Eu digo que ao mellor non podemos ir a execucións de novos equipamentos deste tipo, porque non nos corresponde a nós, correspóndelle á Xunta.

Tamén plantexan disolver Suplusa. É para apartar do ente a quen aínda o preside, Manuel Martínez?

Como comprenderá, persoas que xa non están na Deputación nada teñen que ver no futuro disto. Nós dicimos que un ente público ten sentido en canto é útil. Neste momento é máis un problema ca unha utilidade, polo que se non serve haberá que prescindir del e, sobre todo, porque creo que se isto segue engordando pode haber compañeiros que poden chegar a ter responsabilidades de tipo patrimonal e non quero que ningún compañeiro, sexa do PSOE, do PP ou do BNG, poida saír prexudicado por actuacións indebidas que houbo no pasado.

Como vai ser logo a xestión das residencias e que vai pasar co persoal preseleccionado?

Eu acabo de chegar e non coñezo eses detalles, pero se desaparece Suplusa ten que haber logo unha xestión directa desas entidades que acabaron de abrir ou as que están en construción. Iso haberá que asumilo e, de cara ao futuro, estudaremos fórmulas que permitan facelo con flexibilidade e con eficiencia.

Volvendo a Manuel Martínez. Como vai ser a relación da Deputación con exalcaldes socialistas como os de Sarria, Monterroso ou mesmo o citado de Becerreá?

Como alcaldes, cunha relación normal de respecto como con calquera outro alcalde. Outra cousa é cando falemos de política.

Que fixo mal o PSOE de Lugo para que se deran eses desencontros?

A min non me toca analizar iso, porque non era secretario xeral nin presidente da Deputación. Teño opinión como afiliado pero iso exprésoo dentro do partido. Nunca me escoitaron a min dicir fóra cousas que hai que dicir dentro. Todos os partidos teñen distintas sensibilidades e opinións, pero eu son dos que din que esas cousas hai que falalas dentro e, unha vez se tome unha decisión, hai que apoialas e para iso somos militantes, pero non vou dicir que cousas se fixeron mal ou ben. O partido xa analizou iso e a partir de aí hai que mirar para adiante e traballar.

Por quen aposta vostede nestas primarias para elixir ao vindeiro secretario provincial do partido?

Eu non quero condicionar para nada o voto dos militantes e quero agradecer aos compañeiros, tanto a Xosé María como a Patricia, que deran o paso, porque dalgunha maneira hai que ter certa valentía para facelo. O malo para un partido é cando non hai ninguén que se queira facer cargo del. Agora corresponde á militancia decidir cal é o mellor secretario xeral. Gañe quen gañe vou apoialo.

Pero vostede si que se mollou no seu día con Pedro Sánchez cando se presentou ás primarias do PSOE e mesmo el recoñeceulle o apoio.

A situación non é a mesma porque na etapa onde Pedro Sánchez foi destituído polo comité federal para min aquelo foi inxusto e por iso me puxen do lado del e apoieino ata o final. Aquí o caso é diferente, porque hai un compañeiro que dimitiu e, polo tanto, partimos dun proceso onde hai unha xestora e unhas primarias.

Vai ter fío directo coa Moncloa?

Teño unha relación boa co presidente, pero iso non quere dicir que vaiamos de viños. Penso que esa boa relación vai ser positiva para a provincia, pero non digo que ninguén regale nada, evidentemente, porque non é así, pero iso non é malo para a provincia.

Comentarios