Denuncian que hai días que na Tinería non se colocan colectores

Desde o Concello confirman que hai unha estada que impide pasar ao camión do lixo
Basura en una calle de A Tinería. EP
photo_camera Lixo nunha rúa da Tinería. EP

Itíneris, a asociación de empresarios da Tinería, volveu a denunciar os problemas de sucidade que ten o barrio, non só polo incivismo dalgúns veciños e hostaleiros que deixan o lixo na rúa a calquera hora, di, senón polas deficiencias no servizo municipal de limpeza. Itíneris denunciou que recentemente houbo días nos que non se colocaron os colectores a última hora da tarde, como é o habitual, e que algún día non pasou o camión de recollida de lixo.

"Algúns dos nosos asociados falaron con Urbaser e parece ser que a instalación dunha estada no número 46 da Rúa Tinería impide o paso do camión. Entendemos o problema, pero solicitamos unha solución urxente para restablecer e garantir un adecuado servizo, tanto para os veciños como para os hostaleiros", afirma a presidenta de Itíneris, Isabel Lozano.

Non é a primeira vez que os empresarios denuncian publicamente problemas de limpeza no barrio e recentemente expuxeron a situación ao concelleiro de medio ambiente, Álvaro Santos, e pedíronlle solucións.

Pola súa banda, desde o Concello confirmaban este luns que hai unha estada que impide pasar ao camión do lixo, pero engaden que só houbo un colector que tardou en ser baleirado. Ademais, explican que nesta zona os operarios de Urbaser adoitan pasar máis dunha vez ao día, dado que se trata dun tramo do Camiño Primitivo.

A asociación sinala tamén outros problemas da zona como o circulatorio

De feito, Itíneris tamén reclama que se mellore a sinalización do Camiño neste barrio xa que, segundo Lozao, "pola Tinería apenas baixan peregrinos".

Por outra banda, a asociación sinala outros problemas da zona como o circulatorio. En Porta Miñá non hai ningún dispositivo de control de coches, polo que acceden máis dos que teñen dereito a iso. A porta é só de entrada, de maneira que os automobilistas teñen que saír do barrio polas rúas Tinería e Nova, un itinerario moi complicado de seu para vehículos de certo tamaño e moi problemático no verán, polas terrazas e os peóns, moito máis numeroros.

O edil de mobilidade, Rubén Arroxo, comprometeuse a colocar un semáforo en Porta Miñá para que sexa de entrada e de saída, pero esa solución terá que esperar a que se implante o plan de control de acceso ao centro.