Isabel Rodríguez: "A eficacia está demostrada, non hai intención de eliminar postos en Lugo"

Isabel Rodríguez é, como subdelegada do Goberno en Lugo, a máxima responsable institucional dos corpos e forzas de seguridade do Estado na provincia. Rodríguez é consciente da situación e coñecedora de que a maioría de cuarteis da provincia sofren enormes carencias, pero defende o modelo actual: "Non hai por parte do Goberno ningunha intención de pechar cuarteis en Lugo, nin sequera os non operativos. Non o vexo necesario porque a eficacia da Garda Civil está demostrada; hai menos roubos e máis detencións que o ano pasado, iso é estatística". 

Isabel Rodríguez. EPA razón fundamental, segundo explica a subdelegada, é que "os números están moi ben, pero para este Goberno o fundamental é a atención ás persoas. A Garda Civil é un corpo moi ben visto, sobre todo nos municipios pequenos. O feito de que haxa un cuartel nun concello, aínda que só abra dúas horas por semana, dálles aos veciños unha seguridade que doutro xeito non terían. Esa poboación séntese máis protexida". 

En calquera caso, Isabel Rodríguez recorda que a distribución de efectivos é algo que depende da Dirección Xeral da Garda Civil e, en última instancia, do Ministerio de Interior. Tampouco ten coñecemento de que nestes momentos haxa sobre a mesa un plan xeral de reestruturación. 

O que si recoñece é a falta de efectivos, debido a que nos últimos anos non se convocaron prazas. "Nós nestes dous anos sacamos 10.000 para gardas e policías. O noso obxectivo é cubrir todas as vacantes".

Comentarios